Rafa Andarias impúxose no Campionato Vitaldent de Vela Adaptada en Baiona
O campión de España de Clase 2.4mR Rafa Andarias, impúxose no Campionato Vitaldent de Vela Adaptada organizado polo Monte Real Club de Iates de Baiona e celebrado este fin de semana.
O novo regatista, de 24 anos, conseguiu facerse coa vitoria dunha competición que estivo moi rifada desde o primeiro momento. Das seis probas disputadas, todas moi igualadas, Andarias logrou dous primeiros postos.
A de hoxe foi unha xornada perfecta para a navegación, con condicións ideais tanto de mar como de vento. Unha media de 14 nós facilitou o avance da flota, que completou os percorridos bastante agrupada. Proba diso é que na última das mangas todos os veleiros entraron na liña de chegada en apenas 30 segundos.
A pesar desa igualdade entre os regatistas, Andarias conseguiu imporse e ratificar a vitoria provisional conseguida o sábado, no primeiro día de competición. A segunda e terceira posición da xeral tiveron un marcado acento andaluz, o de Arturo Montes e Borja Melgarejo, ambos os do Real Club Marítimo de Punta Umbría (Huelva). Os galegos Fran Piñeiro e Antonio Eudoro, do Club de Vela Escota de Vigo, lograron facer un cuarto e sexto posto.
Á entrega de premios celebrada esta tarde no Monte Real asistiu o Director Xerente do Comité Paralímpico Español, Alberto Jofre, así como o Delegado en Galicia de Iberdrola, Francisco Silva; o Presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; e o Vicecomodoro do Club de Iates, Alejandro Retolaza.
O Campionato Vitaldent de Vela Adaptada Clase 2.4mR está incluído no II Circuíto Iberdrola de Vela Paralímpica, e a de Baiona foi a segunda regata disputada do cinco programadas, tras a celebrada en Valencia, no mes de maio.











