Quince demandantes de emprego rematan o itinerario de inserción socio-laboral de peixaría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, informou de que este venres, día 13 de xuño, remata o itinerario de inserción socio – laboral “Peixaría”, enmarcado dentro do proxecto Ferrol Punto de Emprego II. Un total de 15 demandantes de emprego -7 mulleres e 8 homes- finalizan con aproveitamento esta acción formativa que comezou o pasado mes de marzo e tivo unha duración total de 410 horas.

Este curso contemplou diferentes módulos: de formación específica (140 horas), de práctica profesional titorizada en empresas (240 horas), de formación transversal (30 horas), así como titorías individuais e grupais. As quince persoas participantes neste itinerario de inserción laboral realizaron as prácticas na sección de peixaría de Gadis, Froiz, Carrefour e Eroski. Un total de dez centros de traballo das empresas de distribución mencionadas anteriormente, acolleron ata o presente mes de xuño aos participantes nesta acción formativa.

A edil Aneiros Barros sinalou que durante a primeira edición deste itinerario realizado no ano 2012 “o nivel de inserción laboral acadado foi o 60%”. Así mesmo, nesta nova edición do curso de peixaría “xa hai dúas persoas contratadas polas empresas onde realizaron as prácticas formativas e outras dúas están incluídas nun proceso de selección aberto”, explicou a concelleira de Emprego. O proxecto Ferrol Punto de Emprego II, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), ten como obxectivo proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.

11 de xuño de 2014 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.