Publícase a lista de admitidos e de agarda nas “Mañás de verán e de xogo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Dende este venres 20 de xuño pódense consultar nos taboleiros informativos dos centros socioculturais, nesta web e en www.santiagosociocultural.org os listados de admitidos e de agarda para as Mañás de verán e de xogo organizadas pola Concellería de Centros Socioculturais dentro do programa Vive o verán. As 120 prazas ofertadas para as Mañás de verán dos centros socioculturais de Vite, Conxo, Fontiñas e Santa Marta cubríronse amplamente, precisándose do sorteo para a adxudicación das praza. Neste caso hai tamén listas de agarda por se se produce algunha baixa.

Nas actividades previstas para o rural tamén houbo moi boa acollida, cubríndose todas as prazas dos campamentos organizados polas asociacións veciñais de Figueiras e da Gracia. As Mañás de xogo no Local Sociocultural de Nemenzo, que ofrecen 30 prazas, dispoñen aínda de seis prazas vacantes, que os interesados poderán solicitar a partir da tarde do venres 20 de xuño achegándose ao Centro Sociocultural de Santa Marta.

A oferta de tempo libre matinal do programa Vive o verán deste ano é de 210 prazas para rapaces con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos. Como novidade deste ano, no caso das Mañás de verán nos centros urbanos ofrécese tamén un servizo de conciliación entre as 8:00 e as 15:00 horas.

Nos próximos dias, os participantes admitidos terán que formalizar a matrícula achegándose aos centros onde obtiveron a praza, entregando o correspondente resgardo do pagamento da actividade.

As actividades darán comezo o martes 1 de xullo. Durante todo o mes, os rapaces gozarán dunha variada programación con obradoiros, saídas e dinámicas lúdicas en horario de 9:00 a 14:00 horas.

20 de xuño de 2014 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.