Prosem encargarase da implantación e difusión do Sicted en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínPontevedra
A-
A+

A empresa lalinense PROXECTOS E SINERXÍAS EMPRESARIAIS S.L. – PROSEM obtivo o contrato da Deputación de Pontevedra para o desenvolvemento do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino (SICTED). Os seus labores consistirán na formación, asesoramento, acompañamento e orientación ás empresas do sector turístico para consolidar a calidade neste sector na provincia. Para iso a Deputación de Pontevedra asignou un orzamento de 87.000 euros.

O equipo de Prosem que se dedicará á xestión e difusión do SICTED na provincia estará formado por un coordinador, catro consultores técnicos e un comercial. En total, seis acodes que desde agora até Decembro de 2015 desenvolverán un traballo de campo baseado en tres alicerces: a formación e asistencia ás empresas que xa contan coa certificación, a procura de novos candidatos e a consultoría ás empresas que se adhiran de forma inicial.

Unha das esixencias que deberá cumprir a empresa adxudicataria é conseguir 35 novas adhesións anuais. Actualmente 152 empresas locen o distintivo “Compromiso de Calidade Turística” grazas ao labor que o ente provincial, a través de Turismo Rías Baixas, desenvolve desde o ano 2005. Prosem traballará en colaboración con Turismo Rías Baixas, organismo que se encargará de coordinar as accións a realizar, marcará a estratexia a seguir para afianzar o destino e realizará un labor de apoio a todo o proceso para que as empresas adhíranse ou manteñan o seu certificado.

Case todo tipo de empresa de carácter turístico pode optar á certificación, xa que o SICTED traballa con empresas e servizos turísticos de 30 oficios diferentes, desde hostalaría a empresas de tempo libre, oficinas de información turística… Desde Prosem estímase que os traballos de consultoría para preparar unha empresa para obter a certificación poden roldar os 4 meses.

O SICTED

O SICTED é un proxecto para mellorar a calidade dos destinos turísticos promovido polo Instituto de Turismo de España (TURESPAÑA) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Co obxectivo de mellorar a experiencia e satisfacción do turista, o SICTED persegue un nivel de calidade homoxéneo en todos os servizos turísticos dentro dun mesmo destino.

O distintivo “Compromiso de Calidade Turística” é o soporte que acredita o cumprimento dunha serie de requisitos previamente establecidos e recoñece o esforzo e compromiso coa calidade e a mellora continua realizado polas empresas participantes, ás que dota dun sistema integral de xestión da calidade.

PROSEM

Prosem conta con ampla experiencia na área da implantación e auditoría de sistemas de xestión, e en particular en calidade turística. A colaboración co Instituto de Calidade Turística Española (ICTE) para a realización de consultoría para a implantación da marca Q de Calidade Turística levou a que, tan só durante o pasado 2013, a consultora galega Prosem prestou labores de consultoría e asesoramento a máis de 250 entidades turísticas de toda España, e moitas delas de Galicia.

Actualmente Prosem desenvolve distintos proxectos en todo o territorio nacional relacionados cos ámbitos da consultoría e as asistencias técnicas, tanto para sector público como privado.

19 de xuño de 2014 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.