Prosem asume a formación para o consumo dos centros do goberno de Asturias
A empresa galega Prosem é a encargada da organización e xestión da rede de Centros de Formación para o Consumo (CFC) do Goberno do Principado de Asturias. Isto inclúe labores de formación e información da poboación, elaboración de material divulgativo de apoio aos cursos e implementación de programas en materia de consumo, así como o mantemento da web www.cfc-asturias.es. Son 6 os profesionais de Prosem asignados a este proxecto, 5 técnicos de formación e unha coordinadora.
O pasado mes de abril foron máis de 1.500 as persoas que participaron nalgunha das múltiples actividades formativas e talleres sobre diferentes aspectos do consumo responsable, desde a alimentación até os servizos bancarios, pasando pola publicidade, o TIC, a saúde e seguridade, o medio ambiente….
Prosem xa conta con ampla experiencia na formación para o consumo, xa que desde o ano 2012 encárgase da programación anual da Escola Galega de Consumo, entidade dependente do Instituto Galego de Consumo da Xunta de Galicia. Os 4 técnicos que traballan neste proxecto encárganse de impulsar e desenvolver a educación e formación dos consumidores galegos a través da realización de cursos, talleres, conferencias, publicacións e estudos.
Os Centros de Formación para o Consumo
Mentres en Galicia existe unha única escola situada en Santiago de Compostela, o Principado de Asturias conta actualmente cunha rede formada por cinco Centros de Formación para o Consumo (CFC) en Ribadesella, Blimea, Tineo, Lugones e Vegadeo. Trátase de instalacións integradas por áreas e talleres nas que as acodes usuarias instrúense de forma práctica en materia de consumo. Así contan cun pequeno supermercado, un caixeiro automático, un estudo de radio, aulas de informática…
As actividades formativas e os talleres están apoiados por materiais divulgativos como guías e folletos, cuxo contido e deseño é elaborado polo equipo de Prosem. Estas actividades son adaptadas a grupos de diferentes idades, desde maiores até escolares, e dirixidas a unha gran variedade de áreas, que van adaptando ás necesidades da sociedade.
Unha consultora galega en expansión
O director de Prosem, José Antonio López Alvarellos, valora moi positivamente este proxecto, xa que supón consolidar a súa presenza fóra de Galicia. Nos últimos anos Prosem pasou a competir con destacadas consultoras no ámbito nacional, demostrando estar á altura.
Con sede en Lalín e Santiago de Compostela, Prosem é unha empresa dedicada a prestar servizos profesionais a outras empresas, agrupacións empresariais e organizacións públicas e privadas. Entre as súas actividades empresariais están a realización de consultorías, asistencias técnicas, xestión de calidade, I+D+i, deseño de estratexias de Responsabilidade Social Empresarial, xestión de identidade corporativa…











