Problemas nos códigos de identificación impiden a emisión duns 3.600 recibos da auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Debido a problemas cos códigos de identificación dalgunhas entidades bancarias, a empresa Viaqua, concesionaria do servizo municipal de abastecemento de augas da cidade, viuse na obriga de informar por carta a uns 3.600 usuarios de que non puido emitir ou foi devoltolle o último recibo bimensual da auga.

O Concello puido comprobar que as entidades en cuestión son o Banco Popular, o Banco Pastor e Banesto, os tres incluídos en procesos de fusión ou absorción, que lles levou a cambiar o código do indentificación do banco (BIC e SWIFT). Esta situación provocou que á hora de emitir os recibos non se identificase a entidade bancaria en cuestión, situación á que houbo que engadir a obriga dos usuarios de dar conta dos novos códigos IBAN das contas correntes para a xestión desas contas.

A variación de todos estes códigos produciu unha disfuncionalidade puntual e só nalgúns bancos, na emisión duns 3.600 recibos por parte da concesionaria de augas (cantidade relativamente escasa, se se ten en conta que Viaqua emite máis de 36.000 recibos bimensuais).

De todos os xeitos, a día de hoxe unha grande cantidade de afectados xa regularizaron a situación, que está correxida; e a todos aqueles que se vexan afectados por esta disfunción, o Concello recoméndalles que acudan ben á súa entidade bancaria ou ben ás oficinas de Viaqua, radicadas na rúa Padre Luís para solventalo.

25 de xuño de 2014 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.