Primeira actividade de Ocio en Familia dentro da programación da Festa da Rosa
O vindeiro domingo, día 8 de xuño, celebrarase a primeira das actividades de Ocio en Familia incluídas na programación da Festa da Rosa 2014. Trátase do espctáculo O Libro Máxico da compañía de teatro Migallas, e terá lugar ás 19.00 horas da tarde no auditorio do centro Multiusos das Pozas, parroquia de Petelos.
A obra do domingo trata sobre Rosiña, unha nena que ten que quedar soa na casa mentres os pais van a unha reunión. Como ten algúns problemas para rematar os deberes decide investigar nun baúl onde o pai gardou moitas cousas. Alí atopa un libro vello e ponse a ler nel. Tras as primeiras liñas empezan a acontecer cousas estrañas e Rosiña e os seus amigos, o público, mergúllanse na aventura de piratas que describe o libro.
Tras O Libro Máxico, Ocio en Familia traerá ás Festas da Ros ade Mos outras dúas actividades cos títulos A Maxía de Xabi (o 15 de xuño ás 12.00 horas), e Os Tres Porquiños (o 22 de xuño ás 19.00 horas). Todas no Multiusos.
Os tres espectáculos estarán organizados e dirixidos cunha metodoloxía dinámica e participativa, onde todos/as os membros da familia, calquera que sexa a súa idade, poderán gozar da iniciativa.
Con motivo da Festa da Rosa, o concello organiza, entre unha extensa variedade de actividades, estas tres iniciativas incluídas no programa Ocio en Familia da concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón. Os obxectivos que se perseguen coa realización destes tres espectáculos son fomentar o coñecemento e participación da Festa da Rosa de Mos, ofrecer alternativas de ocio saudable para todos os públicos, promover a participación e o divertimento dos mosenses na festa oficial de Mos, evitar o ocio consumista cada vez máis estendido, mellorar e aumentar os momentos de lecer compartidos, proporcionar ferramentas aos mosenses para a súa propia xestión de ocio saudable, propiciar a interactuación e o contacto entre a poboación do municipio e fomentar o coñecemento sobre a festa oficial do municipio de Mos.
Os destinatarios ós que van dirixidas estas actividades son os membros das unidades familiares do municipio de Mos, así como o público e poboación en xeral.











