Preséntase o terceiro Fórum Coruña Futura: Cidades con Proxecto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Tenente de Alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado do director da Fundación Emalcsa, Manuel Aguilar, presentou, esta mañá, o Fórum Coruña Futura: Cidades con Proxecto, que se celebrará o vindeiro luns, 30 de xuño, de 16.30 a 20.15 horas, no salón de actos do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT). Este será o terceiro foro e reunirá a 300 persoas da sociedade civil coruñesa: “O luns dáse un paso máis a un proceso que empezou hai dous anos. O encontro servirá para trasladar como imos recollendo as achegas dos coruñeses e como as imos incorporando ao traballo diario deste goberno”. O foro tamén se retransmitirá en streaming desde a páxina web da Fundación Emalcsa www.fundacionemalcsa.com

Fernández Prado informou de que até o momento participaron xa, entre foros e reunións sectoriais, máis de 600 persoas da cidade e a súa área metropolitana, co obxectivo de “recoller todas as sensibilidades e construír así, entre todos, unha cidade con mellor calidade de vida”.

Este Fórum Coruña Futura servirá para coñecer algunhas das mellores e máis innovadoras experiencias internacionais de cidades con proxecto, urbes que están a traballar como A Coruña en:

– Cidades verdes, onde iniciativas ambientais son referentes.

– Cidades intelixentes, que incorporan a tecnoloxía para mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

– Cidades preocupadas polos problemas de mobilidade.

“É unha boa oportunidade para intercambiar opinións”, destacou Fernández Prado. Así, contarase coa participación de:

– Jaime Lerner. Arquitecto e un dos urbanistas máis prestixiosos do mundo. Foi alcalde de Curitiba entre 1971 e 1992, gobernador do Estado de Paraná, entre 1995 e 2002, e fundador do  Instituto de Investigación e Planificación Urbana de Curitiba. Foi, ademais, presidente da Unión Internacional de Arquitectos. Desde estes postos, impulsou a transformación de Curitiba, converténdoa nun dos referentes internacionais máis importantes na planificación e o desenvolvemento de cidades. As súas solucións innovadoras en transporte colectivo, zonas verdes, equipamentos sociais ou crecemento urbano fixeron de Curitiba unha das cidades con maior calidade de vida de América Latina e propiciaron a localización dalgunhas das maiores empresas do mundo, especialmente nos sectores de automoción, enerxía e alimentación.

– Anthony Mallows é, tamén, arquitecto e especialista en sustentabilidade urbana. É o director de Masdar City, o proxecto máis ambicioso a nivel mundial para desenvolver unha cidade completamente autosostenible. Situada nos arredores de Abu Dahbi, a capital dos Emiratos Árabes Unidos, Masdar City foi deseñada por Norman Foster como unha cidade no deserto, capaz de satisfacer a totalidade das súas necesidades de forma autónoma xerando cero residuos e cero emisións. En desenvolvemento desde o ano 2008, incorpora todos os usos propios dunha cidade xunto con centros de investigación e empresas de alta tecnoloxía vinculadas ao campo das Smart Cities.

– Enrique Maya é alcalde de Pamplona, unha das cidades con maior calidade de vida de Europa. Pamplona orientou o seu desenvolvemento ao redor da excelencia urbana e a calidade ambiental da cidade. Estas iniciativas vincúlanse con actividades industriais, sanitarias e educativas para configurar unha cidade cun excelente desempeño en materia económica e de emprego.

“Poden ser bos socios para intercambiar experiencias”, subliñou Fernández Prado. Para finalizar, o responsable municipal incidiu en que Coruña Futura é “un proxecto que excede os límites da cidade, de aí a participación crave dos alcaldes da área metropolitana”, quen tamén participarán nunha mesa de traballo, co obxectivo de “seguir construíndo cidade nun sentido máis amplo”.

26 de xuño de 2014 | 16:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.