Preséntase o libro ‘4 Estacións’ que recolle o patrimonio gastronómico das comarcas Verín-Viana

Presentación do libro ‘4 Estacións’
O presidente da comisión de seguimento do Plan de Competitividade Puertas de Galicia e alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, presentou esta mañá o Libro ‘4 Estacións’ do proxecto “Castro Estacións Gastronómicas en Puertas de Galicia”.
Neste acto de presentación estiveron presentes os hostaleiros e restauradores participantes no proxecto, así como os alcaldes de Monterrei, José Luis Suárez, Vilardevós, Manuel Cardoso, Oímbra, Alfonso Villarino, y Riós, Francisco Armando Veiga.
O proxecto “Castro Estacións Gastronómicas en Puertas de Galicia” naceu como unha ferramenta destinada a potenciar a oferta enogastronómica das comarcas de Verín e Conso-Frieiras como atractivo turísticos da zona ao longo de todo o ano. “É dicir, construír desde a base, sobre o tecido empresarial e asociativo existente e potenciar a capacidade da propia comunidade e dos empresarios hostaleiros, produtores e comerciantes para actuar como axentes xestores e dinamizadores dos proxectos”, indicou Jiménez Morán.
Con este obxectivo desenvolvéronse obradoiros de cociña e levouse a cabo formación para realización de actividades promocionais, como Concurso de Tapas, Pasaporte Gastronómico, Concurso de fotografía gastronómica de outono, inverno e primavera, xornadas gastronómicas como as de cogomelos, castañas e caza, ou as de inverno e primavera. Unhas iniciativas nas que participaron establecementos das comarcas de Verín-Viana que confeccionaron menús degustacións, ofertas especiais e packs de produtos gastronómicos.
Ao tempo que se desenvolveron as diferentes estacións, realizouse unha labor de recompilación de información de recursos gastronómicos en toda a zona: produtos de referencia, receitas clásicas, tradicións e celebracións nas que a gastronomía ten o seu espazo e protagonismo -nesta labor participaron técnicos municipais, hostaleiros e veciños das dúas comarcas-.
O libro ‘4 Estacións’ está conformado por unha primeira parte na que se recollen os recursos gastronómicos dos concellos integrados no Plan de Competitividade Puertas de Galicia, con mención especial ás augas mineromedicinais e á Denominación de Orixe Monterrei. A continuación aparecen receitas tradicionais así como unha compilación das elaboradas nos obradoiros ao longo de todo o ano -catro receitas por estación-, nas que se empregan produtos de tempada elaborados con técnicas e presentación actuais, e con diferentes niveis de dificultade que permiten reproducir as elaboracións, non só a os profesionais. “Non queremos rematar, sen facer un agradecemento moi especial ao consello regulador da DO Monterrei que achegou a proposta de maridaxe para as receitas e que estivo en todo momento apoiando este proxecto”, subliñou Jiménez Morán, “temos agora, unha ferramenta mais para mostrar a turistas e visitantes a riqueza gastronómica da nosa zona, pero sobre todo una mostra dun traballo feito en equipo, entre todos”.
O Plan de Competitividade Puertas de Galicia está promovido por Turespaña, Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia e once municipios (Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso), integrados na Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras, e a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostalería Puertas de Galicia. Entre os obxectivos deste plan están a busca de especialización tanto no destino como no produto, deseñar unha oferta capaz de introducir a experiencia turística como elemento motivador da viaxe, así como a busca da mellora da competitividade das PEMES e MPEMES turísticas para lograr a sostenibilidade do territorio.











