Preséntase na Deputación da Coruña a nova rede ciclista metropolitana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación acolleu esta mañá o acto de presentación da nova rede ciclista metropolitana, definida por Diego Calvo como “a infraestrutura que diferenciará a área metropolitana coruñesa”. Durante a súa intervención, o presidente provincial salientou a importancia que ten para a Deputación esta obra, que é o primeiro paso cara á creación dunha grande rede á que poderán sumarse máis concellos.

Nesta aposta inicial, na que a institución provincial investirá este ano 3 millóns de euros, abárcanse os concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, en dous grandes eixes que irán de Barrañán a Mera no tramo oeste-leste, e do Pasaxe á presa de Cecebre no tramo norte-sur.

Tras a explicación técnica do proxecto, que contempla a interconexión dos tramos existentes para dar saída a un carril de máis de 70 quilómetros de lonxitude, Calvo falou dunha aposta “fundamental” da Deputación para a creación tanto dunha infraestrutura de ocio como “dunha infraestrutura que axudará a paliar algúns dos problemas de mobilidade desta zona”.

Así, puxo como exemplo o carril que discorrerá pola presa de Cecebre, un tramo “obviamente vinculado ao ocio e o deporte”, en contraposición co traxecto “máis urbano” no entorno do CHUAC ou preto do polígono de Sabón, en Arteixo. “Queremos, na medida das nosas posibilidades, axudar a paliar algúns dos problemas de mobilidade que existen nesta zona”, explicou Calvo, que fixo un repaso ás actuacións levadas a cabo ata o momento desde a Deputación.

“O primeiro que fixemos foi estudar a situación actual dos concellos, ver os tramos para ciclistas existentes e analizar en detalle cada un deles para facer o diagnóstico das necesidades”, declarou. Agora, por tanto, unha vez deseñado o proxecto inicial tan só quedaría iniciar os traballos, que comezarán en canto a Deputación teña a dispoñibilidade dos terreos co obxectivo de “contratar as obras o antes posible”.

“Non é un proxecto pechado”

Diego Calvo insistiu na idea de que “non estamos ante un proxecto pechado”, xa que, segundo explicou, a intención da Deputación da Coruña é ampliar a rede ciclista en canto sexa posible. “Conectaremos tramos que nesta primeira fase poidan quedar sen conexión, atenderemos as necesidades de calquera concello que queira sumarse a esta rede e colaboraremos cos concellos na posta en marcha de calquera servizo que necesiten, como pode ser o de aluguer de bicicletas, que podería contratarse dun xeito conxunto”, matizou Calvo ante a presenza dos alcaldes da Coruña, Oleiros, Arteixo e Cambre; e o tenente de alcalde de Culleredo.

A directora xeral de Mobilidade, Camino Triguero, pola súa banda, sinalou que a Xunta, ao ter coñecemento desde proxecto, non dubidou en apoialo “porque é unha aposta por un modo máis sostible de vida”. “Que se utilice como medio de transporte a bicicleta, en convivencia co transporte público, non é fácil, pero é un reto que temos que asumir”, engadiu, para salientar que este carril entrará a formar parte do Plan director de mobilidade alternativa da Xunta.

En representación dos alcaldes dos concellos implicados neste proxecto, Carlos Negreira referiuse a unha actuación intermunicipal que é unha “mostra do liderado de Galicia”. Neste senso, o rexedor coruñés destacou o “espírito de diálogo e cooperación de todos os concellos desta área metropolitana”. Continuou valorando este proxecto de mobilidade coma “un exemplo para toda Galicia e España”.

Pola súa banda, Diego Calvo quixo agradecer tanto aos alcaldes como á Xunta de Galicia “a total disposición mostrada desde o primeiro momento para a posta en marcha” e o inicio deste proxecto. “Empezaremos a traballar en canto teñamos a disposición os terreos municipais”, concluíu.

4 de xuño de 2014 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.