Preséntase aos veciños o proxecto de reforma da rúa Observatorio
As concelleiras de Barrio, Carmen Hervada e Susana Pazo, mantiveron un encontro cos veciños da contorna da rúa Observatorio co obxectivo de presentarlles e acordar o proxecto de reforma desta vía.
Tal e como explicaron, a actuación enmárcase dentro do Plan Urbana – C e nestes momentos atópase en fase de licitación cun orzamento de 108.209,34 euros e un prazo de execución de 3 meses.
O proxecto contempla a creación dunha plataforma única para favorecer a comodidade do usuario, cunha beirarrúa máis accesible. Ademais, a contorna contará con máis árbores e novo mobiliario urbano. Por outra banda, dotarase á rúa de rede separativa de saneamento e canalizacións para iluminación e telecomunicacións das que carecía. Tamén se recollerán as augas pluviais procedentes das baixantes dos inmobles, así como a instalación dunha rede nova de sumidoiros que recollan a auga de choiva.
O Concello, a través da área de Infraestruturas, busca mellorar a accesibilidade desta rúa do Agra do Orzán, un proxecto de similares características aos xa programados para outras vías do barrio, como as rúas Cuba e Entrepeñas. Nesta liña de recuperación de espazos públicos, no barrio destaca a urbanización da praza das Conchiñas e a construción do aparcadoiro subterráneo.











