Preséntanse oito ofertas para as obras de mellora na estación de autobuses de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de recibir un total de oito ofertas ás obras de mellora na estación de autobuses da cidade de Santiago, licitadas en abril por un importe de case 400.000 euros (392.081,81€).

Agora, a Dirección Xeral de Mobilidade está a analizar a oferta máis equilibrada, co fin de adxudicala e iniciar as obras tras a sinatura do contrato.

Estes traballos están enmarcados dentro do Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia cuxo principal obxectivo é engadir valor a estas instalacións de servizo público, ao mesmo tempo que se mellora a calidade que perciben os usuarios ao potenciar aspectos centrados na accesibilidade, na calidade das instalacións e nos sistemas de información.

Tendo en conta que a maioría das estacións da rede galega foron construídas entre os anos 70 e 90, faise necesario adaptalas ás novas esixencias normativas de accesibilidade tanto dende o punto de vista dos modos de transporte como dos usuarios.

Neste aspecto na estación de autobuses de Santiago reconstruiranse as ramplas de acceso peonil á estación, a rampla de acceso á cafetería e construirase unha nova rampla para acceder aos aseos da entreplanta. Todas elas coas súas respectivas varandas e cun pavimento podotáctil no seu inicio.

Ademais se substituirán as escaleiras mecánicas de acceso dende a entreplanta ás dársenas por outras novas, eliminando os chanzos existentes na súa base e ampliando o foso da maquinaria. Outra mellora será a adaptación das escaleiras fixas que unen a planta principal coa entreplanta así como as de acceso da entreplanta ás dársenas, coa execución de novos chanzos, pavimento podotáctil no seu arranque e substitución das varandas.

Tamén se executarán melloras nos ascensores e se pintaran varias prazas de aparcamento para as persoas con mobilidade reducida incluída a colocación de sinal e execución de vado na entrada principal, ademais de apoios isquiáticos nos andéns e pintado dos bancos.

Outras accións a executar na estación centraránse na mellora das instalacións coa substitución do falso teito dos aseos da planta principal e das lámpadas dos ándéns por outras de maior potencia.

Plan Renove

Coa finalidade de fomentar o uso do transporte público, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lanzou o Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia que contempla a mellora e modernización da rede destas infraestruturas de transporte público por estrada da comunidade autónoma.

O Plan Renove parte dunha auditoría técnica previa efectuada pola Dirección Xeral de Mobilidade a cada unha das estacións de autobuses das que é titular, co obxectivo de avaliar o estado de conservación das instalacións. Neste análise constátase que as deficiencias das estacións de autobuses se deben, con frecuencia, a unha deficiente conservación e mantemento das instalacións.

O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes.

Na actualidade, Galicia conta cun total de45 estacións de autobuses, das cales a Xunta de Galicia é a administración titular de 38 estacións.

5 de xuño de 2014 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.