Preséntanlle ós empresarios ourensáns os préstamos Jeremie do Igape

O director do Igape, Javier Aguilera, participou hoxe nunha xornada técnica desenvolvida na sede da CEO na que se presentou o programa financeiro Galicia 1000
O director do Igape, Javier Aguilera, participou hoxe nunha xornada técnica desenvolvida na sede da CEO na que se presentou o programa financeiro Galicia 1000, impulsado pola Consellería de Economía e Industria co obxectivo de dar resposta ás distintas necesidades do tecido empresarial galego. Dentro deste programa, Aguilera salientou a liña de préstamos directos Jeremie, pioneira en Galicia, que conta cunha dotación inicial de 8 millóns de euros procedentes de fondos Feder e coa que a Xunta poderá mobilizar un mínimo de 15 millóns de euros no tecido empresarial.
Ao abeiro desta nova liña de financiamento poderanse conceder préstamos comprendidos entre 70.000 e 1.050.000 euros para financiar ata o 70% dos proxectos de investimento acollidos. As importantes bonificacións de xuros previstas na convocatoria farán posible que os tipos de xuro efectivo resultantes poidan estar por baixo do 1,3%.
O programa Galicia 1000 inclúe ademais liñas de financiamento con xuros bonificados polo Igape, para os emprendedores e as pemes que se financien mediante préstamos ou microcréditos concedidos polas entidades financeiras con fondos do ICO. Ao abeiro do Impulsa Ourense, estas bonificacións de préstamos bancarios poderá ser de ata 4 puntos para as empresas ourensás.
Por outra banda, no marco deste programa integral de financiamento, as empresas teñen á súa disposición os fondos de capital risco e préstamos participativos de Xesgalicia, cos que se poden apoiar tanto os proxectos empresariais dos novos emprendedores como o impulso a proxectos de sectores estratéxicos ou de empresas viables que requiran fondos para sortear problemas conxunturais.
No seu conxunto, o programa Galicia 1000 achega 50 millóns de euros para atender as diferentes necesidades das empresas en función da súa situación financeira. Así, o Goberno galego prevé mobilizar arredor 200 millóns de euros no tecido empresarial galego.











