Posta en marcha dos programas de axudas para mercar un ordenador e obter o permiso de conducir
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá as bases que rexerán dous programas dirixidos á mocidade ferrolá: o proxecto “Conecta Ferrol” de axudas para mercar un ordenador e a iniciativa “Conduce Ferrol” de achegas destinadas a obter o permiso de condución. Así, a Concellería de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, que dirixe Verónica Casal Míguez, pon en marcha un ano máis estes programas de axudas para facilitar a formación da mocidade, mellorar a súa empregabilidade así como a mobilidade de dito colectivo.
En canto ao proxecto “Conecta Ferrol”, os mozos e mozas beneficiarios destas achegas deberán ter entre 12 e 18 anos e estar empadroados no termo municipal, entre outros requisitos establecidos. A contía da axuda para mercar un ordenador é de 200 euros por mozo e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto dende o día seguinte ao da publicación das bases no taboleiro de edictos do Concello até o vindeiro 31 de outubro. O obxecto destas achegas para a adquisición de ordenador é promover e fomentar acceso da xuventude á sociedade da información.
Por outra banda, as bases que rexerán a proposta “Conduce Ferrol” permitirán aos mozos e mozas de Ferrol, con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, sufragar parte do custe da obtención do permiso de conducir. Así mesmo, as persoas beneficiarias desta achega de 200 euros deberán posuír ou realizar un curso de condución segura. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, a conta dende o día seguinte á publicación das bases no taboleiro de edictos do Concello de Ferrol.











