Posta en marcha das obras de renovación do pavimento na estrada A Botica-Areosa
No marco do Plan municipal de mantemento e conservación da rede viaria, o Concello da Laracha está a financiar con fondos propios a obra de renovación do pavimento con aglomerado asfáltico en quente na estrada que comunica os lugares de Areosa e A Botica, isto é, na principal vía de comunicacións rodadas entre o casco urbano da Laracha e a parroquia de Vilaño.
O alcalde, José Manuel López Varela, o concelleiro responsable da área de obras públicas, Jesús Souto, e o edil Antonio Fraga visitaron hoxe o lugar dos traballos e reuníronse cos operarios para coñecer persoalmente o desenvolvemento das obras contempladas neste proxecto, que supón un investimento superior aos 33.000 euros.
Dadas as características da actuación, para a realización dos traballos foi preciso cortar ao tráfico un dos carrís da estrada neste tramo, estando esta circunstancia correctamente indicada e regulada con sinalización semafórica para garantir a seguridade dos vehículos.
O mantemento en bo estado da rede viaria municipal ocupa un lugar prioritario na axenda do grupo de goberno local e supón anualmente un importante investimento financiado tanto con fondos propios municipais como a través de programas e convocatorias da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña. Para o Concello da Laracha é fundamental ofrecer boas comunicacións rodadas no termo municipal, tanto nos núcleos de poboación urbanos como nas máis de trescentas aldeas que existen nas trece parroquias do municipio.
Aproveitando que nesta época do ano as condicións climatolóxicas son favorables para acometer este tipo de obras, durante as próximas semanas está previsto que comecen a executarse unha serie de actuacións de mellora en varias estradas do termo municipal, como as actuacións aprobadas o pasado luns polo Pleno e que serán financiadas con cargo ao remanente que arroxou o peche da conta xeral do exercicio económico do curso pasado. Tamén está en marcha a campaña anual de desbroce da maleza nas cunetas, por medio da que se actuará nuns seiscentos quilómetros lineais ao longo de todo o verán.
Ademais, a parte correspondente a obras dos plans provinciais POS e DTC-93 destinarase en exclusiva a melloras en estradas municipais.











