Portos presenta en Cangas un proxecto de posta en valor da área de Massó

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasLocal Portada
A-
A+
Reunión do alcalde de Cangas co representante da Autoridade Portuaria de Vigo

Reunión do alcalde de Cangas co representante da Autoridade Portuaria de Vigo

Esta mañá o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo Ignacio López Chaves, acompañado da Ditectora da Autoridade Portuaria Beatril Colunga, reuniuse co alcalde de Cangas José Enrique Sotelo e os representantes dos diferentes grupos políticos da corporación municipal, para presentar un proxecto de posta en valor da zona concesionaria de O Salgueirón, que unha vez se aprobe a normativa de Delimitación de Espazos Portuarios será cedida pola Autoridade Portuaria ao Concello de Cangas e a Costas, co que pasará a ser ben patrimonial.

Este proxecto de acondicionamento e mellora da zona consiste na creación dun vieiro peonil de formigón impreso e xabre e zonas axardinadas que comunicará a zona da fábrica coa praia de Areamilla. Sotelo destacou que este proxecto “permite comunicar o centro de Cangas coa zona de o Salgueirón e nun futuro podería continuarse coa senda que vai dende Areamilla a Liméns”.

O orzamento necesario para a realización deste proxecto é de 360.000 euros que serán integramente aportados por Portos. Ignacio López Chaves afirmou que está previsto que no prazo de un mes poderán comezarse os trámites administrativos para a licitación das obras e que a execución das mesmas durará entre cinco e seis meses.

Desafectación

Unha vez sexa aprobada a Orde Ministerial de Delimitación de Espazos Portuarios, que actualmente está en xestión en Madrid, Portos de Galicia desafectará máis de 36.500 metros da zona de O Salgueirón en favor do Concello de Cangas e Costas.

A zona que pasará a ser de titularidade municipal abarcará 19.500 metros de superficie da zona de Massó, correspondentes á zona de paseo, case 6000 metros da fábrica de conservas na que se inclúe o Torreón e parte da antiga baleeira.

O alcalde sinalou que unha vez o concello recupere a titularidade deste espazo “buscarase realizar un proxecto consensuado, e viable económica e socialmente”.

Durante a visita o presidente da Autoridade Portuaria sinalou que dende este organismo procederase á reparación do muelle de Congorza, que sufriu un derrubamento como consecuencia dos fortes temporais que azoutaron o municipio este inverno.

2 de xuño de 2014 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.