Pontevedra acollera as finais masculina e feminina da Copa Deputación de Baloncesto Infantil
Pontevedra acollerá na tarde de mañá as finais masculina e feminina da Copa Deputación de Baloncesto Infantil. Disputaranse, tal e como anunciou hoxe a deputada Begoña Estévez, nas instalacións do Centro de Tecnificación Deportiva.
O campión masculino será o gañador do partido que ás 17:00 h enfrontará o Marín Peixe Galego co Club Baloncesto Tui, que foron os finalistas dos torneos disputados na zona de Arousa-Pontevedra e de Vigo, respectivamente.
Pola súa banda, do partido entre o Porriño Baloncesto Base e o Club Baloncesto Arxil sairá o equipo campión da categoría feminina. O encontro terá lugar ás 19:00 h e tamén enfrontará as campioas dos torneos da zona de Vigo coas da zona de Arousa-Pontevedra.
Promoción do deporte base
Na rolda de prensa de presentación desta final da Copa Deputación tanto a deputada Begoña Estévez como o delegado da Federación Galega de Baloncesto en Arousa, José Luis Renda, e os representantes dos clubs, destacaron a aposta que a Deputación está a facer pola promoción do deporte base.
Neste sentido incidiron especialmente no achegamento das diferentes disciplinas deportivas ós concellos máis pequenos e nos que, de non ser pola implicación da Administración provincial a través das escolas deportivas, os máis pequenos non terían ocasión de coñecer e interesarse por diferentes disciplinas, como o balonmán, o taekwondo, a patinaxe, o judo, o rugby, a marcha, a natación ou o piragüismo; modalidades todas elas que promove a Deputación en diferentes municipios, xunto co fútbol, o fútbol sala e, a partir do vindeiro ano, tamén o baloncesto.
Así, os participantes na rolda de prensa agradeceron que se sume este deporte ó programa da Deputación e que se achegue, nun primeiro momento, ós nenos e nenas de Moraña, Cuntis e Gondomar, para poder ir estendendo as escolas a novos municipios.











