Ponte Caldelas publica as bases para o aluguer social das vivendas de caritel
O Concello de Ponte Caldelas aprobou as bases para o aluguer das dúas vivendas de Caritel para que poidan destinarse a aluguer por parte de familias do municipio en situación de emerxencia social e cuxo prazo e bases acaban de saír publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do luns 19 de maio e na páxina web do Concello (www.pontecaldelas.org). O prazo para presentar as solicitudes acaba o 3 de xullo, e prevese que se elabore unha lista de reserva á que poidan incorporarse nas futuro familias que reúnan os requisitos.
O prezo do aluguer social por cada unha das dúas vivendas situadas na parroquia de Caritel oscilará en función dos ingresos acreditados das familias entre os 100, 150 e 200 euros.
Perfecto Rodríguez, en compañía das técnicas dos servizos sociais municipais revisou as obras realizadas polos operarios do Concello de Ponte Caldelas para resolver os problemas de humidade, varias reparacións de elementos existentes nas dúas vivendas, deteriorados polo desuso e o tempo de abandono e o pintado das mesmas.
O rexedor espera que este verán xa se atopen familias do municipio residindo nestas dúas vivendas da parroquia de Caritel co que se podería dar unha solución de aloxamento a persoas que se atopen en situación económica delicada e con necesidade de dispor dunha vivenda.
HISTORIA DUN CONFLITO CUN FINAL AXUSTADO A DEREITO
Desta maneira, poríase fin á polémica suscitada por estas vivendas de Caritel, tras ser adquiridas polo Concello de Poio para realizar realojos e que tivo que ceder ao IGVS despois de que a Xustiza dese a razón ao Concello de Ponte Caldelas declarando esta actuación ilegal.
Hai que lembrar que, en marzo do pasado ano, o Concello de Ponte Caldelas e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asinaron un convenio de cesión destas vivendas durante 30 anos, mercé ao cal estes inmobles se destinarían a familias do municipio en situación de emerxencia social. Trátase dun inmoble que consta de dúas plantas nas que están situadas as vivendas, con leira e edificación anexa.
Así, o Pleno da Corporación Municipal celebrado no mes de marzo de 2013 aprobou os criterios para os alugueres sociais que rexerían para estas dúas vivendas de Caritel e que contemplan, entre os seus puntos máis destacados, que a finalidade principal é facilitar que as persoas que non teñan cuberta a súa necesidade de vivenda habitual, soporten cargas familiares e dispoñan de escasos recursos que lles impidan acceder a unha vivenda no mercado libre poidan dispor dun espazo adecuado ás súas necesidades, á vez que a través dun plan de intervención social póñanse os medios para mellorar as condicións iniciais que motivaron o acceso a estas vivendas, a través da concesión en arrendamento das mesmas.
As bases agora publicadas elaboráronse cumprindo os requisitos legais establecidos na Lei 33/2003 do Patrimonio das Administracións Públicas, recollendo como criterios de valoración os aprobados polo Pleno celebrado en marzo de 2013:
a) Número de membros da unidade familiar que conviven no mesmo domicilio coa persoa solicitante.
b) Número de menores de idade que formen parte da unidade familiar.
c) Situacións persoais e socioeconómicas da unidade familiar debidamente xustificadas:
– Ser persoa solicitante e ter ao seu cargo outras persoas con discapacidade ou dependencia.
– Ser obxecto de medidas de reacollo e/ou desafiuzamento.
– Familias monoparentais con cargas familiares non compartidas.
– Situacións de violencia de xénero debidamente acreditadas.
– Familia numerosa.
– Unidade familiar na que todos os seus membros, adultos, esgotasen as prestacións por desemprego.
d) Ingresos brutos anuais da unidade familiar: tendo como referencia o valor do IPREM.
O alcalde Perfecto Rodríguez manifestou o seu desexo de pór canto antes estas vivendas a disposición dos Servizos Sociais do Concello co fin de que se proceda, o máis pronto posible, estes inmobles a disposición de familias deste municipio en situación de emerxencia social.











