Ponte Caldelas prepárase para a tempada estival coa apertura da oficina de turismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
O alcalde de Ponte Caldelas na visita á oficina de turismo

O alcalde de Ponte Caldelas na visita á oficina de turismo

O Concello de Ponte Caldelas inicia oficialmente a tempada estival coa apertura da súa Oficina de Información Turística, que estará operativa até o 15 de setembro en horario de 11 a 14 e de 16 a 19:30 horas. Á fronte deste servizo estará un técnicoespecialista na materia bolseira polo Padroado de Turismo Rías Baixas. Tamén Ponte Caldelas reforza a súa imaxe e promoción coa edición, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, de 10.000 folletos explicativos sobre os atractivos turísticos que presenta o municipio

A Oficina de Turismo, situada en pleno centro da vila de Ponte Caldelas, entre o Centro Cultural e o Mercado de Abastos, foi rehabilitada a través dun Obradoiro de Emprego e está dotada de expositores e material de difusión turística en diversos idiomas para unha mellor atención ao visitante.

Ponte Caldelas aproveitará a presenza desta técnica de turismo para promover a visita non só ás contornas naturais e paisaxísticas que ofrece o río Verdugo senón tamén o centro da vila de Ponte Caldelas onde antigas casas señoriales rivalizan en beleza con prazas e zonas axardinadas como a Alameda.

Tamén serán obxecto de promoción, desde a Oficina de Turismo, as visitas á Área Arqueolóxica de Tourón, auténtica aula viva da arte rupestre en Galicia, ou os percorridos polo interior do municipio a través das rutas de sendeirismo como O Camiño dos Arrieiros ou Ruta Real, a Ruta das Almiñas e de Foxo do Lobo ou o Carreiro da Valgada de San Vicente.

Outro dos alicientes que terán os visitantes a Ponte Caldelas este ano serán as distintas actividades festivas e feirais organizadas polo Concello para dinamizar desde o punto de vista económico o sector do pequeno comercio local e a hostalaría. Sen esquecer a Festa da Batalla da Guerra da Independencia en Ponte Caldelas, as Festa das Dores ou as distintas celebracións parroquiais que trufan toda a tempada estival.

Unha misión moi especial da Oficina de Turismo será promocionar a gran e variada oferta gastronómica dos distintos establecementos existentes non só na vila senón nas distintas parroquias que compoñen o municipio de Ponte Caldelas, favorecendo tamén a súa visita a través de rutas por lugares e parroquias para coñecer o encanto natural dos seus ríos e paisaxes e a beleza arquitectónica de igrexas, petos de ánimas, hórreos, cruceiros, casas indianas, patrimonio etnográfico e arqueolóxico, etc.

18 de xuño de 2014 | 12:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.