Ponte Caldelas abre o prazo para as solicitudes de fogueiras de San Juan e San Pedro
O Concello de Ponte Caldelas abriu o prazo até o vindeiro martes 17 de xuño para que aquelas persoas interesadas en facer as tradicionais fogueiras de San Juan (24 de xuño) e San Pedro (29 de xuño) soliciten o pertinente permiso, nas oficinas municipais, para poder realizalas seguindo unhas estritas normas de seguridade.
As autorizacións concederanse exclusivamente para as fogueiras tradicionais que, de acordo coa normativa, estarán condicionadas ao cumprimento das seguintes condicións:
1.- Deberán situarse en zonas idóneas para estes fins. A distancia das fogueiras ás casas será como mínimo de 20 metros. Non deberán situarse coches ou vehículos de tracción mecánica a menos da distancia sinalada nin, por suposto, depósitos de combustible ou almacéns de sustancias especialmente inflamables. En todo caso, queda terminantemente prohibido a realización de fogueira en terreo forestal.
2.- As fogueiras faranse, do mesmo xeito, en buracos o máis profundos posible e debidamente rodeados de pedra ou dunha pequena gabia.
3.- Teranse a man mangueiras, extintores ou polo menos auga para uns 20 cubos, cos correspondentes caldeiros.
4.- Queda prohibido queimar rodas, plásticos ou calquera material inflamable, especialmente combustibles, coa excepción das madeiras. Do mesmo xeito, non se utilizarán materiais tales como papeis, cartóns, ramas de eucalipto,… que co vento poidan provocar faíscas incandescentes que causen posibles incendios.
5.- Os lumes deberán ser pequenos nun primeiro momento, botarase a leña progresivamente e, finalmente, nunca superarán unha dimensión tal que impida sufocalos con suficiente rapidez cos medios necesarios no punto terceiro.
6.- Disporase dun pequeno botiquín de primeiros auxilios especialmente equipado para as queimaduras.
7.- Deberá terse a debida precaución de non situarse ao lado oposto do vento.
8.- As fogueiras deberán quedar completamente soterradas unha vez acabadas as celebracións.











