Perfumería Ana é elixida como a tenda favorita dos clientes do CCA Ferrol A Magdalena

Entrega do premio a perfumería Ana
Os participantes na iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de maio nos establecementos asociados ao CCA Ferrol A Magdalena, elixiron como o seu comercio favorito a perfumería Ana, situada na rúa Carme.
Este negocio familiar, con máis de vinte anos de traxectoria, foi o que máis clicks recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían o seu comercio preferido.
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, que foi a encargada de entregar o diploma ao establecemento máis votado nun acto no que tamén se entregaron os agasallos aos clientes gañadores, salientou que ademais de resaltar o traballo dos centros comerciais abertos, Máis que comercio! ten por obxectivo destacar os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade.
No acto, no que participaron tamén a delegada da Xunta, Belén do Campo, o alcalde ferrolán, José Manuel Rey, Vázquez explicou que a iniciativa da Consellería de Economía e Industria, que no CCA da Magdalena chegou a rexistrar máis de 7.700 participacións, percorrerá Galicia durante todo o ano, desenvolvéndose cada mes en cinco centros comerciais abertos.











