Pedro Alonso de la Iglesia presenta no Teatro Colón o seu primeiro libro de poemas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Mañá martes 10 ás 20.30 horas Pedro Alonso de la Iglesia presentará o seu primeiro libro de poemas ‘Cuando el mar ya no se mueve’ nun acto que conta co apoio da Deputación Provincial de A Coruña. No recital participan a pianista María Keilin, as actrices Estíbaliz Espinosa e Gloria Ferreiro e os actores e bailaríns de Artestudio Teatro e Danza. Ao acto de presentación asistiu tamén Javier Alonso, presidente de GRUMICO (Grupo de persoas con Discapacidade de A Coruña).

O recital conta coa colaboración da asociación GRUMICO, a clínica ortopédica E.O.PRIM, Cuatro Palillos, Farggi, a ludoteca La Cueva de Leo e a Librería Arenas –encargada de editar o libro-. Ademais do aporte de todos os artistas que interveñen no acto e que o fan de xeito altruísta. Ramiro Neira, director artístico do recital, destacou o esforzo que fixo Pedro para que a súa obra se visualizase ‘hai que destacar, deixando a un lado a súa discapacidade, o esforzo que fixo por dar a coñecer a súa obra. Ogallá cheguemos a unha sociedade na que non haxa que subliñar as diferenzas’. Na obra de Pedro percíbese perfectamente a súa maneira de ver e sentir a vida, trátase dunha poesía que suxire moitas imaxes. ‘Co recital queremos que a xente perciba o mesmo que cando les a súa poesía. É un acto no que queremos subliñar a obra de Pedro’ afirma Neira.

A escolla do equipo artístico non é casual. A actriz Estíbaliz Espinosa foi a encargada o pasado ano de poñer darlle forma ao recital que clausurou o Laboratorio Teatral, entre o público estaba Pedro ao que lle encantou o que acababa de ver. A partir dese momento comezou a darlle voltas á posibilidade de facer algo similar coa súa obra. Sobre o escenario estará tamén María Keilin, pianista que garda unha entrañable relación co piano do teatro, que ela mesma se encargou de mercar e que ven a tocar de cando en vez. A diferenza é que mañá farao enriba do escenario e con público.

No recital actuarán tamén os bailaríns de Artestudio Teatro e Danza, ‘intentamos mesturar tres linguaxe moi libres: a música, a danza contemporánea e a poesía’ mantén Ramiro Neira e subliña que o carácter suxerinte e aberto destas tres formas de expresión casan á perfección ‘as son linguaxes que non din, deixan espazo para que o público sinta e constrúa’.

As entradas para este acto que conta co apoio da Deputación Provincial de A Coruña son de balde e poden recollerse no despacho de billetes do Teatro Colón en horario de 10.00 a 12.00 e de 17.00 a 20.00 horas o mesmo día do espectáculo.

9 de xuño de 2014 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.