Oza-Cesuras e Benestar asinan o convenio para a construción dunha escola infantil de 41 prazas
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o presidente da comisión xestora Oza-Cesuras, Pablo González, asinaron esta mañá un convenio para a construción dunha escola infantil de 41 prazas no devandito concello.
Segundo se recolle no convenio, a futura escola infantil de Oza-Cesuras levantarase nunha parcela de 3.000 metros cuadrados de superficie situada no lugar de Mangoño, Parroquia de Mandaio, que foi posta a disposición polo Concello.
O futuro centro infantil suporá un investimento total de máis de 400.000 euros. O financiamento correrá nun 60% a cargo da Consellería de Traballo e Benestar e nun 40% por conta do Concello de Oza-Cesuras.
Licitación das obras de construción
A redacción do proxecto da nova escola infantil foi asumida polo Concello. Ao respecto, o representante municipal sinalou esta mañá que estará rematado o próximo mes, o que posibilitará que a Consellería de Traballo e Benestar inicie a tramitación para contratar as obras de construción.
Coa futura escola de Oza-Cesuras a Consellería de Traballo e Benestar da continudade á súa aposta pola creación de prazas 0-3 na comarca, onde entraron en funcionamento as escolas de Coirós e Betanzos en 2012 e a escola de Curtis en 2013. Os tres centros ofertan en conxunto un total de 155 prazas.