Ourense será escenario do I Festival de bonecos do Atlántico
Nove compañías de teaTro de monicreques de diferentes puntos de Galicia e Portugal, así como agrupacións de cabezudos e xigantes procedentes de varias localidades galegas e lusas estarán presentes dende mañá, martes 24 de xuño, nas prazas e rúas da cidade, durante a celebración do I Encontro Bonecos do Atlántico. Trátase dun festival pioneiro e único en Galicia, dirixido ao público infantil, adulto e familiar, co que se pretende recuperar a tradición dos bonecos nas festas populares.
As funcións de monicreques durante os catro días, en horario de mañá e de tarde e empregando coma ubicacións os Xardíns de Padfre Feijóo e os Xardíns de Bispo Cesáreo, correrán a cargo dos grupos galegos Títeres Mircromina, Marionetas Trécola, Fantoches Baj, Larraitz Urruzola e Títeres Cascanueces; e dos grupos lusos Filandorra Teatro do Nordeste, Cia Fio d’Azeite, S.A. Marionetas Teatro & Bonecos e Títeres.
Xa o sábado, 28 de xuño, celebrarase o I Encontro de Xigantes e Cabezudos. A recepción será pola mañá, ás 10.00h na Alameda do Concello, onde tamén haberá instalados xogos populares para os máis pequenos e pequenas. Pola tarde terá lugar o desfile, con saída dende a Alameda e chegada ao Parque de San Lázaro percorrendo a Avenida de Pontevedra, a rúa Lamas Carvajal e a rúa do Paseo. No Encontro participarán xigantes e cabezudos procedentes dos concellos galegos de Ourense, Xinzo, O Barco, Allariz e Celanova; e gigantones e bombos dos concellos portugueses de Braga, Palmela e Vila Real. Todos eles recibirán unha estatuíña deseñada polo titiriteiro e escultor Luis Iglesias ‘Luchi’. Trátase dunha estatuíña do ‘Bocas’, o personaxe ideado por Eduardo Blanco Amor para ‘A Esmorga’.
O Encontro Bonecos do Atlántico nace en Ourense neste 2014 para recuperar e poñer en valor esta tradición, co obxectivo de que volten os xigantes e cabezudos a desfilar polas vilas acompañados das funcións dos bonecos máis pequenos, os monicreques.
Cambios de programación das Festas
Esta tarde ás 21.00h estaba prevista a celebración do concerto funk do grupo Cárdova na explanada tras a catedral. Manuel Davobe (voz e teclados), Erktr “Casper” (baixo), Lalo López (guitarra) e Dani “Doc Sibilus” (batería) trasládanse á Praza de San Marcial para unir os seus ritmos e clase dos groove dos 60 e os 70 coa vitalidade e dinamismo do hip hop dos 80.
Así mesmo, mañá, martes 24, o concerto de Jazz Fussion con Walter Silva Trio se traslada a Praza de San Marcial, onde se misturarán as súas composicións orixinais con coidados arranxos de clásicos pop e rock.











