Ourense organiza un programa de actividades de verán para escolares nos cinco centros cívicos
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ourense organiza un programa de actividades de verán para escolares de Infantil e Primaria, que se desenvolverán nos cinco centros cívicos municipais. Con elas pretende achegar propostas para o tempo de lecer dos cativos e cativas durante as súas vacacións de verán, aproveitando a rede de centros cívicos municipais, ao tempo que facilitar as familias ourensás a posibilidade de conciliar a súa vida familiar e laboral nestas datas.
As actividades son gratuítas e para ter a posibilidade de acceder a elas só hai que cubrir a solicitude, que se pode recoller nos propios centros cívicos ou na Oficina de Atención Cidadá, e entregala dende o martes, día 10, ata o 17 de xuño (ambos incluídos), a través do Rexistro Xeral do Concello, na planta baixa da Casa do Concello, na Praza Maior.
As actividades realizaranse de luns a venres, de 10:30 a 13:00 horas, nos centros cívicos de Colón-Casco Vello, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo durante os meses de xullo e agosto.
A oferta para escolares inclúe actividades de carácter lúdico como manualidades, contacontos, bailes, xogos, etc. As actividades programarase por quincenas (do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 1 ao 15 de agosto, do 18 ao 29 de agosto). Elixiranse as quincenas por orden de preferencia e a admisión será por orde de entrada das solicitudes no Rexistro.











