Ourense acollerá varios obradoiros sobre como actuar en caso de emerxencia
A Concellería de Saúde do Concello de Ourense organiza un ciclo de obradoiros sobre “Como actuar en caso de emerxencias”, que se desenvolverá durante a semana próxima nos cinco centros cívicos municipais.
Estas xornadas de formación e sensibilización teñen como obxectivo concienciar á poboación sobre a importancia da prevención dos accidentes e achegarlle información sobre como actuar correctamente en situacións de emerxencia.
O obradoiro explicará ás persoas participantes cómo actuar en caso de emerxencias como atragoamentos, intoxicacións, dor torácico, reanimación cardiopulmonar básica, queimaduras, entre outras
A actividade está baseada na aprendizaxe significativa. Consta dunha exposición teorica e unha parte practica, eminentemente participativa, que se realizará en pequenos grupos dun máximo de vinte persoas. Cada obradoiro terá unha duración de 90 minutos.
Con entrada libre e gratuíta, desenvolveranse nos centros cívicos de:
– Seixalbo (rúa Estreita, 1) Luns, 9 de xuño, de 18,30 a 20,00 horas
– A Cuña (rúa Dr Peña Rei, 18) Martes, 10 de xuño, de 19,00 a 20,30 horas
– Colón (rúa Colón, 2) Mércores, 11 de xuño, de 19,00 a 20,30 horas
– A Ponte (rúa Gómez Franqueira) Xoves, 12 de xuño, de 19 a 20,30 horas
– As Termas (Praza 200) Venres, 13 de xuño, de 18,30 a 20,00 horas
As persoas interesadas poden inscribirse nos propios centros cívicos, ou na Concellería de Saúde, na rúa da Concordia, 20, entrechán, teléfono 988 510622.











