Os socialistas presentan alegacións á JEC por entender que o Goberno de Santiago é contrario á Constitución
O PSdeG decidiu este xoves presentar alegacións á Xunta Electoral Central (JEC) por entender que o novo Goberno de Santiago é “antidemocrático e contrario á Constitución”, dado que estará formado maioritariamente por concelleiros que non formaban parte da candidatura presentada polo PP ás últimas eleccións municipais.
A entender dos socialistas, segundo explicaron a través dun comunicado de prensa, a proposta do que será o próximo alcalde de Compostela, Agustín Hernández, “é contraria á doutrina do Tribunal Constitucional”, pois “conculcaría” os dereitos fundamentais recoñecidos na Carta Magna.
Neste sentido, nas súas alegacións á decisión da Xunta Electoral de aceptar o nomeamento dos sete edís non electos de Santiago, o PSdeG defende que o artigo que habilita a designación de persoas que non concorreron na lista electoral “só é aplicable de forma moi excepcional en situacións de risco democrático”.
Así, tras recordar que é unha norma que xurdiu no contexto do terrorismo de Euskadi, defendeu que non pode procederse a “unha aplicación expansiva e descontextualizada” para formar o novo Goberno da capital galega, pois “en ningún caso concorre un risco exterior de ameaza antidemocrática que provoque inseguridade persoal ou inestabilidade institucional”.
De feito, os socialistas contrapoñen que “foron as sucesivas crises” do Grupo Popular no Pazo de Raxoi “as que provocaron que se chegase á actual situación de anomalía democrática”. “Santiago atopa sen alcalde nin equipo de goberno, e dos 13 concelleiros que integraban o grupo, só dous foron elixidos directamente pola cidadanía”, describiron.
“SETE PERSOAS ALLEAS ELIXIRÁN O ALCALDE”
Formulados estes argumentos, o PSdeG asumiu que “non lle corresponde” á JEC o control de constitucionalidade no uso do artigo que permite designar edís non electos -unha tarefa “reservada” ao Tribunal Constitucional-, pero sostivo que este órgano si debe “interpretar e aplicar a lei no modo máis favorable aos dereitos fundamentais dos cidadáns”.
Así as cousas, incidiu en que, se prosperan estes nomeamentos, “sete persoas alleas á candidatura presentada polo PP decidirán quen será o novo alcalde de Santiago”. Polo tanto, concluíu que “concorren razóns constitucionais e legais suficientes” para que se considere improcedente acceder á designación solicitada”.
“Permitir que persoas alleas ás eleccións poidan decidir o nomeamento dun novo goberno (…) supón admitir unha quebra inxustificada do principio democrático e dar aparencia de lexitimidade ao que manifestamente carece dela”, esgrimiron os socialistas no seu recurso a JEC.
CONSTITUÍR UNHA XESTORA
Neste escenario, o partido que en Galicia lidera José Ramón Gómez Besteiro propuxo “unha solución institucional democraticamente anómala” como é a constitución dunha xestora, toda vez que na súa propia conformación “advirte aos cidadáns desa anomalía e do carácter transitorio” que ten.
Finalmente, advirte de que a situación da capital galega “transcende o ámbito municipal e autonómico”, ao sentar “un precedente antidemocrático” ao que poderían acollerse “todos concellos de España”.











