Os socialistas lucenses piden explicacións á conselleira de Sanidade sobre o brote de sarna no HULA
O secretario provincial do PSOE de Lugo e parlamentario autonómico, Juan Carlos González Santín, anunciou este xoves que esixirán a comparecencia no Parlamento de Galicia da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para que de “explicacións” sobre un brote de sarna no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
“Creo que a conselleira ten que dar explicacións”, sinalou González Santín, que tamén censurou que a conselleira “nin se ocupa, nin se preocupa do que lle pasa á sanidade dos lucenses” ao facer “oídos xordos” das reivindicacións que se producen nos últimos días.
Así se referiu ás demandas para que se dote de servizos ao HULA, en relación a Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicamento Nuclear. Tamén protestou o socialista polo peche de camas no período estival en Galicia.
Santín esixe, sobre o brote de sarna no HULA, explicacións a Mosquera, “dado que isto non é unha cousa menor”. “Porque estamos a falar de xente que trata con enfermos de moitas patoloxías e non é normal que nun hospital en pleno século XXI apareza un brote de sarna”, concluíu.











