Os socialistas de Santiago piden ao partido que recorra ante a JEC a proposta de edís de Hernández
O voceiro do PSOE municipal de Santiago, Francisco Reyes, expresou a intención de presentar un recurso ante a xunta electoral central (JEC) contra a proposta de goberno do futuro alcalde compostelano, Agustín Hernández, en que sete dos 13 concelleiros procederán de fóra das listas que se someteron ás urnas en maio de 2011.
En rolda de prensa, o concelleiro socialista indicou que a intención do seu grupo é levar a cabo este recurso, pero matizou que lle corresponde á dirección autonómica estudar as posibilidades xurídicos, proceso no que está agora inmerso “a destajo” para presentalo -se finalmente se fai- cando antes.
En opinión de Reyes, a actuación do PP na capital galega “xera un precedente peligrosísimo”, que podería “afectar á lexitimidade e á autonomía local”, posto que nunhas eleccións vindeiras se podería presentar unha lista á que logo o alcalde “fixese dimitir” para nomear “a dedo” o seu equipo de goberno.
Durante a súa intervención, Reyes referiuse á sentenza sobre o Concello de Cudillero onde se nomeou alcalde a un edil que non fora elixido nas urnas. Sobre este caso, o voceiro socialista fixouse no voto particular no que se pon o acento que o problema é de “raíz”, e que, por iso, nace no feito de nomear concelleiros que non foron nas listas.
En opinión do político socialista, o PP está a usar de forma “torticera” a lei electoral e o seu artigo 102, malia que é “claro e diáfano que se está a furtar a representación elixidos polos cidadáns”.
PRECEDENTE “PERIGOSO”
“Se se estendese, votaríanse esas listas electorais, porque coñecen os edís ou por confianza, e logo o alcalde faría dimitir a todos os concelleiros e en vez da disolución do concello, elixiría o goberno a dedo”, expuxo, antes de considerar que sería un “precedente perigoso” e de recordar que no caso compostelano tiña once membros da candidatura para cubrir nove postos.
O grupo municipal, que espera unha “resposta rápida”, insiste en que “o problema é o precedente “grave” que se xera con esta situación e vai “en xogo os principios democráticos”.











