Os socialistas de Ordes recollen máis de 1.700 sinaturas na defensa do partido xudicial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

O PSOE de Ordes recolleu algo máis de 1.700 sinaturas de veciños e veciñas do municipio na defensa da permanencia do partido xudicial de Ordes, cuxa continuidade se ve ameazada pola Lei de Demarcación e de Planta Xudicial que tramita o Ministerio de Xustiza. O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, agradece “en primeiro lugar a todos os veciños e veciñas de Ordes que asinaron esta petición e tamén aos establecementos comerciais que colaboraron na recollida de sinaturas durante este último mes”. Unhas sinaturas que porán a disposición do PSdeG-PSOE.

Os socialistas amósanse satisfeitos pola resposta da cidadanía de Ordes, “que dixeron non a que os obriguen a desprazarse a máis de 40 quilómetros para calquera trámite xudicial”, sinala Pedreira Mirás, quen apunta que esta iniciativa “tamén serviu para informar a moitos veciños da situación, pois son moitos os que descoñecen as consecuencias da decisión do señor Gallardón”. Neste sentido, os socialistas lembran que a desaparición dos xulgados de Ordes suporía unha importante molestia e un significativo gasto económico para os veciños, que terían que desprazárense ata A Coruña para calquera trámite xudicial, ao tempo que suporía unha importante perda para o sector comercial e hostaleiro de Ordes, sobre todo se temos en conta que cada ano se fan máis de 3.000 procesos en Ordes.

9 de xuño de 2014 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.