Os socialistas consideran que Feijóo se foi de turismo a Xapón para non afrontar a situación de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O voceiro parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, criticou este luns que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, decidira “ir de turismo” a Xapón para non dar explicacións sobre a condena a nove anos de inhabilitación para cargo público a sete edís do PP de Santiago por prevaricación, un caso “que non ten precedentes en Galicia”.

En rolda de prensa, o dirixente socialista recordou que o mandatario autonómico “leva meses negándose a adoptar calquera tipo de decisión, e mesmo cambiando de criterio en función das distintas peripecias xudiciais que houbo neste caso”, de modo que incidiu na “coincidencia” que supón a súa ausencia da comunidade.

Sobre todo, abundou, cando foi Feijóo quen “designou unilateralmente” tanto ao anterior alcalde da capital galega, Gerardo Conde Roa, coma ao actual, Ángel Currás, responsables da “bochornosa situación” que atravesa Compostela.

Agora, á vista de que os sete concelleiros de Santiago teñen que abandonar con carácter inmediato” os seus postos, o deputado do PSdeG deu por feito que “exercerán funcións de goberno persoas que non concorreron ás eleccións”. “Veremos cál era o plan b que nunca se quixo especificar”, engadiu.

A liña seguida, apuntou que esta conxuntura “por desgracia, dista de ser singular”, toda vez que xa hai auto de apertura de xuízo oral contra o alcalde de Trazo (A Coruña), o popular José Dafonte; e que o rexedor do Porriño (Pontevedra), Nelson Santos, “ocupa páxinas de xornais” a diario.

COMISIÓN CONTRA A CORRUPCIÓN

Neste escenario, o socialista coruñés avanzou que pedirá na xunta de voceiros do martes que se aprobe “dunha vez” o ditame da comisión de estudio contra a corrupción, “que leva paralizada dende o día 23 de setembro”.

“O Regulamento do Parlamento obriga a que as comisións especiais rematen os seus traballos en dous meses e aquí imos camiño dun ano”, argumentou, antes de avanzar que tamén demandará o peche da comisión sobre a desaparición das caixas de aforros.

“VACUIDADE”

En canto ao periplo de Feijóo por terras nipoas, o voceiro dos socialistas no Pazo do Hórreo opinou que se caracteriza pola “vacuidade máis absoluta”, posto que o presidente non foi acompañado por empresarios ou representantes dos sectores económicos que pretende impulsar.

“Nin de turismo, nin de acuicultura, nin de automoción”, enumerou, para referendar a súa visión de que a viaxe unicamente tiña por obxectivo estar “lonxe” da inhabilitación de sete concelleiros do PP. De tódolos xeitos, avanzou que o seu grupo lle preguntará por esta cuestión na próxima sesión plenaria.

2 de xuño de 2014 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.