publicidade hoxe

Os servizos gratuítos de podoloxía e fisioterapia de Neda recibiron 210 solicitudes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

A Concellería de Servizos Sociais de Neda recibiu ata 210 solicitudes de cita para acceder aos servizos gratuítos de podoloxía e fisioterapia que promove dende hai uns anos a Administración local. Así, as citas están cubertas xa para os meses de xullo, agosto e parte de setembro. Será precisamente a partires do 15 deste último mes cando o departamento municipal abrirá un novo prazo para beneficiarse destes programas socio-sanitarios, programados para mellorar a calidade das persoas maiores da real vila. O goberno local que preside Ignacio Cabezón poñía en marcha as sesións de podoloxía en 2007 e, un ano despois, iniciábanse as de fisioterapia.

Unhas e outras pioneiras na comarca e con custe cero, ao financiarse ao 100% con fondos municipais. Ambos programas están dirixidos a homes e mulleres maiores de 65 anos pensionistas e personas con minusvalía. As sesións realízanse no Centro Cívico Ramón Millarengo. No caso do servizo de podoloxía, os tratamentos son variados. Dende unha limpeza a unha atención máis específica. E, nunha porcentaxe moi importante, os usuarios padecen diabetes, unha doenza que afecta especialmente aos pés.

Os beneficiarios soen recibir dúas ou tres sesións ao ano e o servizo préstase en horario de tarde. En canto a fisioterapia, os solicitantes deben acreditar tamén a correspondente recomendación médica para acceder ao servizo, que se presta en horario de mañá e, normalmente, en días alternos. Nun e noutro caso, os solicitantes deben presentar o volante anterior (se xa se beneficiaron de sesións anteriores).

18 de xuño de 2014 | 11:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.