Os rexedores de Verín e Chaves serán os anfitrións do XXVII Cumio Ibérico
O presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, e o primeiro ministro luso, Pedro Passos Coelho, presidirán mañá mércores na localidade portuguesa de Vidago o cumio bilateral anual que se centrará en emprego e enerxía.
Unha cita que o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial e alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, cualificou como “histórica” por ser a primeira vez que se leva a cabo no territorio da Eurocidade Chaves-Verín
Ademais da reunión entre os dous máximos responsables dos gobernos, haberá oito reunións sectoriais, protagonizadas polos ministros de Asuntos Exteriores (José Manuel García Margallo), Interior (Jorge Fernández), Industria (José Manuel Soria), Emprego (Fátima Báñez), Fomento (Ana Pastor) e Defensa (Pedro Morenés).
Todos eles manterán senllas reunións sectoriais cos seus correspondentes homólogos portugueses, e a elas uniranse outras dúas sobre comercio e sanidade ás que asistirán por parte española, respectivamente, o secretario de Estado de Comercio, Jaime García Legaz, e a secretaria xeral de Sanidade, Piar Farjas. Entre os temas que se abordarán nestas reunións sectoriais, e que afectan ao territorio Chaves-Verín, encóntranse: apertura dun Centro Policial e Aduaneiro en Feces de Abaixo, implementación dun transporte publico transfronteirizo e xestión sanitaria na fronteira.
Algunhas destas cuestións foron propostas pola Rede de Entidades Transfronteirizas (RIET), á que pertence a Eurocidade Chaves Verín AECT, co obxecto de que fosen tratadas neste cumio xa que se consideran necesarias para mellorar a calidade de vida dos habitantes da raia. Entre elas destacan:
– Impulsar unha Plataforma conxunta de Correos Ibéricos, para reducir os custos loxísticos de distribución, tanto postal, coma mensaxerías.
– Eliminar o roaming telefónico entre España e Portugal para conexións telefónicas e de datos.
– Un Plan Económico que analice as posibilidades e mecanismos para impulsar unha política de harmonización fiscal ibérica, que acabe tanto coas políticas de deslocalizacións, coma coa desigualdade en termos de competitividade no sector de servizos transfronteirizos.
– A firma dun acordo bilateral, similar ao existente en materia de Sanidade, para o transporte de proximidade, de pasaxeiros, que permita que as entidades rexionais de Portugal e as Comunidades Autónomas de España poidan decidir a súa creación, sen necesitar a autorización dos gobernos centrais de ambos os dous países, como acontece na actualidade, o que axilizará a súa posta en servizo.
Por outro lado, este cumio tamén dedicará especial atención a cuestións relativas á Unión Europea como as interconexións enerxéticas coa Península Ibérica, así como o intercambio de puntos de vista sobre o proceso de renovación das institucións europeas tras as pasadas eleccións ao Parlamento Europeo.











