Os rapaces do IES de Oroso debutan en Sigüeiro coa obra “Os vellos non deben namorarse”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O centro cultural de Sigüeiro acollerá esta semana dúas actividades especiais na que os nenos e nenas serán os protagonistas. A primeira será a actuación teatral da compañía “Queixo e marmelo”, integrada por rapaces e rapazas do IES Oroso, que este mércores 4 de xuño presentarán a súa versión de “Os vellos non deben namorarse”. A segunda terá lugar o xoves, co espectáculo de Rony Macarroni “O misterioso caso da portada desaparecida” e a presentación da colección de libros infantís “Gatos detectives” (La Galera).

Así, este mércores 4 de xuño, entre as 17:00 e as 19:00 horas, o centro cultural de Sigüeiro albergará o debut teatral dos rapaces e rapazas do IES Oroso, que escolleron un texto de Castelao para a súa presentación en público. Na representación interveñen todo o grupo de 1ºA do IES de Oroso, como coro; así como unha ducia de novos actores e actrices: Sandra Amigo Regueiro, Susana Amigo Regueiro, Yéssica Rey Bouzón, Miguel Romero Ruíz, Sebastián Armas Switalski, Javier Tellería Antón, Andrea Villar Ferreiro, Rebeca Jiménez Dual, Eva Villar Mañá, Gonzalo Boquete Liste e Pablo Rodríguez Rodríguez. A entrada é libre e de balde.

Por outra banda, o xoves 5 de xuño a Libraría Aula 10, en colaboración co Concello de Oroso, presentará o espectáculo do clown Rony Macarroni, denominado “O misterioso caso da portada desaparecida”. O acto terá lugar ás 18:00 horas no salón de actos do centro cultural de Oroso e incluirá a presentación da colección “Gatos detectives”.

2 de xuño de 2014 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.