Os polideportivos de Batallóns e Javier Gómez Noya acollerán os campionatos galegos de waterpolo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesFerrol
A-
A+

A concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá os Campionatos Galegos de Waterpolo nas categorías alevín e benxamín, organizados polo Club Marina Ferrol e a Federación Galega de Natación, e co patrocinio do Concello de Ferrol. Estes dous eventos terán lugar o vindeiro domingo, día 8 de xuño, a partir das 9:30 horas nas piscina de Batallóns e o complexo polideportivo Javier Gómez Noya, en Caranza. A edil ferrolá estivo acompañada polo vicepresidente do club organizador, Ángel Picos; e o adestrador Andrei.

A titular de Deportes lembrou que o Club Marina Ferrol alzouse co campionato alevín nos anos 2009, 2010 e 2012, e co subcampionato da mesma categoría no 2011 e 2013, así mesmo foi campión benxamín na pasada edición. “Polo que intentarán revalidar estes bos resultados nesta edición” engadiu Martínez Galdós. Ademais, agradeceu a organización do club ferrolán “e a gran labor que realiza durante todo o ano”.

Pola súa banda, o vicepresidente do Club Marina Ferrol, Ángel Picos, confirmou a participación dun total de 8 clubs na categoría alevín e 4 equipos na benxamín. Arredor de 150 deportistas se darán cita nestes dous campionatos galegos que concluirán ás 19:30 horas coa entrega de premios nas instalacións de Batallóns.

4 de xuño de 2014 | 20:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.