Os perruqueiros e esteticistas da provincia de Ourense poderán contar con descontos na subministración eléctrica
Fenie Energía, S.A., a Asociación de Empresarios de Barbaría e Salóns de Beleza de Ourense e a Asociación de Instaladores Eléctricos e de Telecomunicacións de Ourense (Instalectro) asinaron recentemente un acordo de colaboración para que os asociados poidan beneficiarse dunhas condicións especiais de subministración eléctrica.
Os centros de barbaría e estética da provincia asociados que así o desexen poderán reducir a súa factura da luz, grazas ao convenio asinado por estas entidades e a empresa Fenie Energía S.A. Ademais, terán tamén á súa disposición un servizo personalizado para a resolución das súas consultas.
Aqueles asociados que o soliciten, recibirán a asistencia técnica dun axente que analizará a última factura eléctrica (optimización de potencia e estudo de reactiva), realizando unha oferta sen compromiso e personalizada que poida supor un aforro significativo nas súas instalacións de traballo.
O acordo, que ten unha vixencia dun ano renovable, foi asinado pola presidenta da Asociación de Perruqueiros, Beatriz Gómez, polo presidente da Asociación de Instaladores, José Luís Cid, e por Isabel Reija, conselleira delegada de Fenie Energía. Esta compañía constituíuse como comercializadora enerxética o 2 de marzo de 2010, sendo o proxecto máis importante que o colectivo de empresas instaladoras realizou en España. Os seus obxectivos son levar ao cliente final un Asesoramento Enerxético Integral e o maior aforro posible, coa proximidade instalador / cliente como principal reclamo. Actualmente, conta con 1.600 axentes enerxéticos e xestiona ao redor de 135.000 contratos.











