Os padexeiros tudenses buscarán reeditar os títulos no Campionato de Europa de Maratón en Eslovaquia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O Campionato de Europa de Maratón que se disputa en Piestany (Eslovaquia) representa unha reválida para os padexeiros do Kaiak Tudense, que buscarán reeditar os títulos logrados o ano pasado en Portugal. Ata catro medallas poden lograr en dúas xornadas. Iván Alonso, Óscar Graña, Ramón Ferro e Manuel Garrido xa coñecen o campo de regatas. O outro galego será David Mosquera, da Ría de Betanzos, que participará na especialidade de C-1.

Iván Alonso afronta, como é habitual, un dobre esforzo. Estará no K-1 e tamén no K-2 xunto a Emilio Merchán. Unha parella que logrou estar entre os mellores nos últimos anos e cuxa solvencia é enorme. Pero en fronte terán a rivais poderosos. Iván Alonso xa ten experiencia, algo que xoga ao seu favor. O tudense buscará sumar dous novos títulos ao seu extenso palmarés.

Pola súa banda, Manuel Garrido atópase ante a gran oportunidade de ser o campión. A ausencia de Ton Campos, o actual posuidor do título, dálle moitas opcións. O ano pasado, o tudense foi segundo a gran distancia do terceiro. Nesta modalidade tamén estará o galego David Mosquera, da Ría de Betanzos.

Ramón Ferro e Óscar Graña destacan pola súa regularidade nas probas de carácter internacional. Dous padexeiros que se coñecen ben, con gran experiencia e unha ampla traxectoria. Os seus adversarios saben que son os homes a bater en C-2.

As probas dos barcos individuais serán este sábado. O C-1 comezará ás 11.55 e o K-1 ás 14.45 horas. Para o domingo quedan os barcos dobres. Ás 9.35 iniciarán a regata os C-2 e á 12.30 os K-2. Son os datos facilitados pola organización. O campo de regatas inclúe na modalidade de kaiak un percorrido de trinta quilómetros, con sete porteos. O percorrido por terra é chairo e non existe ningunha rampla de acceso nin tampouco de baixada. Na canoa haberá seis porteos.

Na xornada do venres, Damián González, do Verducido, foi oitavo en C-1 júnior, mentres Jacobo Domínguez, do Breogán do Grove, non puido terminar en C-1 sub-23.

13 de xuño de 2014 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.