Os nenos de San Sadurniño presentan o seu musical “Segredo no faro” no Jofre
“Segredo no faro” conta a historia de cinco nenos que visitan un faro, onde vivirán unha experiencia que lles servirá para aprender a importancia de confiar uns nos outros, a amizade ou a necesidade de afrontar sen medo os retos que van aparecendo na vida. Na montaxe participan 28 nenos e nenas de 5º de primaria do CPI de San Sadurniño. Crearon a compañía Pegadas Musicais a través da que se responsabilizaron de todo: a guionización, a composición das músicas, o deseño do vestiario, os decorados, a parte actoral e de dirección, a maquillaxe, a produción e incluso a relación cos medios de comunicación.
A profesora de música Ana Vázquez e o xefe de estudos e profesor de Galego Juan Fernández bótanlles unha man -e titorizan- o proxecto. Eles dous foron quen impulsaron unha iniciativa nacida nos Estados Unidos no ano 2006 e importado a España baixo a proposta educativa LÓVA -La Ópera, un Vehículo de Aprendizaje-, centrada no desenvolvemento emocional, social e cognitivo do alumnado.
Desde os inicios do proxecto no mes de novembro, nenos e mestres dedicáronlle ao musical unha media de 6 horas semanais compatibilizándoas coas horas lectivas. Ademais tamén recibiron visitas de profesionais do mundo do espectáculo e da interpretación que lles deron consellos sobre como enfrontar o traballo.
A obra estreouse o venres pasado na Casa da Cultura de San Sadurniño perante máis dun cento de nenos e nenas do colexio. Un día despois volveu representarse para pais, nais e familiares cun grande éxito.
O recinto que pequeno para acoller o público dun espectáculo que espertou unha grande expectación dentro e fóra do concello. Por esta razón organizouse unha nova actuación de Pegadas Musicais este mércores 11 de xuño no Teatro Jofre de Ferrol. A obra comezará ás 20 h. con entrada gratuíta previa retirada de convite. Segundo informan desde a compañía o aforo está case completo.











