Os mercados de Monforte ofrecen unha excelente maridaxe entre cervexa artesá de Galicia e tapas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A Praza de Abastos de Monforte acollerá esta fin de semana, días 21 e 22 de xuño, un Mercado dedicado a cervexa artesá elaborada en Galicia e as tapas de Monforte.

En Galicia elabóranse excelentes cervexas de maneira artesanal, de múltiples variedades e sabores, cervexas que poderás degustar no mercado desta fin de semana. Tamén poderás informarte sobre as técnicas de elaboración e as características de cada unha delas e, por suposto, mercar as que máis che gusten.

A este mercado acudirán catro cervexeiros artesanais, os pioneiros en Galicia, que ofrecerán a posibilidade de degustar 18 cervexas diferentes.

Unha boa cervexa non pode ter mellor acompañante que unha suculenta tapa feita en Monforte. Por iso, neste mercado participarán seis hostaleiros da cidade que ofrecerán unha selección das mellores tapas que teñen presentado nos diferentes certames celebrados polo Cume Tapas.

Este mercado organizouse en colaboración coa asociación local de hostaleiros e pretende promover a maridaxe entre tapas e cervexas e difundir o bo traballo da hostalería local. É a primeira vez que os hostaleiros participan nun mercado.

Mercados de Monforte recibiu máis solicitudes de participación por parte doutros elaboradores de cervexa artesanal, pero preferiu limitar esta presenza ós catro cervexeiros pioneiros en Galicia e dar prioridade á hostalería local.

O Mercado “Cervexas e Tapas” permanecerá aberto o sábado día 21 dende as 11:00 ata as 14:30 h. e de 18:00 a 21:00 h., mentres que o domingo día 22 estará aberto soamente pola mañá, de 11:00 a 14:30 h. Estes horarios poderían prolongar a hora prevista de peche, dependendo para elo da animación existente e da disposición dos vendedores.

18 de xuño de 2014 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.