Os meniños da gardería de Brión descobren a seguridade viaria de man da Policía Local

Clases de seguridade vial aos meniños de Brión
Os meniños e meniñas da gardería municipal de Brión recibiron esta mañá unhas nocións de seguridade viaria da man do xefe da Policía Local brionesa, Marcos Delgado. Aproveitando o bo tempo, a clase tivo lugar no aparcamento da gardería, onde o xefe da Policía Local de Brión lles preguntou sobre os distintos sinais de tráfico.
Os pequenos amosaron un alto nivel de coñecemento dos sinais de tráfico (semáforos, pasos de peóns…), de feito só se trabucaron co sinal de “Stop”, que identificaron como “perigo, camión”. Así mesmo, sorprenderon ao policía local brionés cando lles preguntou que era o primeiro que había que facer ao subir no coche. Todos coincidiron en que tiñan que poñer o cinto da súa cadeira.
Na quenda de preguntas, os pequenos interesáronse polo traballo que fai a Policía Local en Brión e puideron subirse ao vehículo e utilizar algúns dos elementos de traballo deste corpo de seguridade para a sinalización dos accidentes (cono de tráfico, medidores, etc). Os máis pequenos, de apenas un ano, disfrutaron especialmente do momento no que se prenderon as sereas do coche policial.
Esta é a primeira vez que a gardería municipal de Brión celebra unha xornada de educación viaria, para a que contaron coa colaboración da Policía Local. A boa aceptación por parte dos cativos fai que xa se estea pensando en convertela nunha cita anual, incluso organizando algún circuíto urbano no que os pequenos poidan identificar todas as sinais de tráfico (no canto dos carteis que tiveron hoxe).











