Os maiores do Centro de Día da Rede Pública de Alzhéimer participan no programa Estimulanet
Os maiores do Centro de Día da Rede Pública de Alzheimer que xestiona AFAL Ferrolterra nas instalacións da antiga Casa do Mar participan no programa Estimulanet (Estimulación Interactiva a través do computador). Uns talleres pensados para os usuarios que se atopan nunha fase leve moderada da enfermidade. A través destes, e baixo a supervisión da terapeuta ocupacional, Noelia Ríos, e a psicóloga Rita Touza, realízanse exercicios de diferentes áreas cognitivas como atención, linguaxe, memoria, comprensión visual e auditiva. Segundo explica a terapeuta ocupacional, Noelia Ríos, os programas de rehabilitación cognitiva por computador teñen múltiples vantaxes para os enfermos na súa aplicación, tales como permitir unha aprendizaxe máis dinámica. Non só iso, ofrecen maior flexibilidade ao permitir adaptar a actividade ao usuario ou a posibilidade de proporcionar un feedback inmediato potenciando a motivación e a opción de repetir o exercicio múltiples veces. Todo iso, cun único obxectivo: retardar o avance da enfermidade nos maiores, logrando así mellorar a súa calidade de vida.











