Os grupos do Compostela Actúa celebran o Día Europeo da Música cunha actuación en Praterías
Para conmemorar o Día Europeo da Música, este sábado 21 de xuño, a Concellería de Xuventude, a través do seu programa Compostela Actúa, organiza unha actuación na que intervirán dúas das disciplinas que se traballan no proxecto: o grupo musical Instrumentals, formado por 5 mozos, e o grupo coral Glee Club, que conta con 25 participantes. A actuación terá lugar na praza de Praterías a partir das 12:00 horas. A gala final de fin de curso do programa Compostela Actúa terá lugar o mércores 25 de xuño, ás 19:00 horas, no Teatro Principal. As entradas para este evento poden retirarse na sede da Concellería de Xuventude, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche.











