Os grupos da corporación de Carballo analizan o documento para a aprobación provisional do PXOM
A Casa do Concello vén de acoller hoxe, venres 27 de xuño, a celebración dunha Comisión informativa de Urbanismo e Medio Rural que contaba como único punto da orde do día coa presentación do documento para aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Deste xeito, todos os grupos políticos da corporación tiveron a oportunidade de analizar o planeamento coa incorporación por parte do equipo redactor do informe de alegacións, que presenta pequenos cambios despois da revisión, e tamén coas modificacións derivadas dos informes emitidos pola Xunta. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, trátase de realizar “unha radiografía de todos os acordos acadados nas máis de 30 comisións informativas” celebradas durante 2013 e nas que se revisou cada unha das 1.939 alegacións presentadas en prazo polos veciños e veciñas.
Durante boa parte da mañá, examináronse os acordos plano a plano e tamén se cotexou a normativa para pechar o documento que finalmente se presentará para a aprobación do pleno da corporación e que se remitirá, unha vez se reciba a memoria medioambiental por parte da administración autonómica -último trámite pendente-, para a aprobación definitiva da Xunta. Neste sentido, Ferrero adiantou que o martes 1 de xullo está concertada unha entrevista con Encarnación Rivas, Secretaria Xeral de Urbanismo, para falar sobre o planeamento.
Hai que mencionar que na xuntanza da Comisión de Urbanismo estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas; os Concelleiros do PP, Juan Carlos Castro e José Lado; o Concelleiro de TEGA, Manuel Andrade; o Concelleiro do PSOE, José Antonio Viña; o Arquitecto Municipal, Alfredo Garrote; e membros do equipo redactor de Fernández Carballada e Asociados.











