publicidade hoxe

Os gañadores do co certame “O galego na onda” reciben o seu premio e prepáranse para gravar o seu programa de radio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCercedaFradesMesíaOrdesOrosoTordoiaTrazo
A-
A+

Rede de Dinamización Lingüística, que coordina a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, celebrou este mediodía un dos actos de entrega de premios da fase local do certame de dinamización lingüística ‘O galego na onda’. Foi o convocado desde a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, entidade que integra os municipios coruñeses de Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Trazo e Tordoia e que participa na RDL, baixo a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Recoñeceuse así a calidade das cuñas publicitarias de radio orientadas a promover o galego que elaboraron os rapaces e rapazas da Mancomunidade, unha das 14 entidades da RDL onde se celebrou o concurso. Agora, os adolescentes gañadores competirán cos vencedores das outras 13 na fase de ámbito autonómico.

O acto contou coa participación do presidente da RDL, Valentín García, quen destacou a cantidade e a idoneidade das cuñas presentadas a concurso na Mancomunidade de Ordes e animou os gañadores “a seguir apostando polo galego, a seguir comunicando en galego, por calquera medio e en calquera circunstancia”.

García Gómez estivo acompañado por Manuel Regos Boquete, titular da Mancomunidade e alcalde de Ordes; e por Roberto Rey Martínez, rexedor de Frades, a localidade onde tivo lugar a entrega.

Dez premiados en dúas categorías

As bases do concurso ‘O galego na onda’ establecían dúas categorías en función da idade dos participantes. Na primeira delas, para rapaces e rapazas de primeiro e segundo curso da ESO, resultou gañadora a cuña de Marta Rey Bra, Diego Bodelo López e Andrea López García. O segundo premio desta categoría recaeu na cuña radiofónica presentada por Sara Uzal Escariz, Matías Bodelo López e Lorena García Álvarez. Na categoría de rapaces e rapazas de terceiro e cuarto da ESO foron recoñecidos co primeiro premio Lucía Mosquera Sánchez e Sandra Mella Ríos, en tanto que o segundo lle foi outorgado a Sheila Rodríquez Carreira e a Sara Rivadas Porteiro.

Todos estes estudantes recibirán como premio un obradoiro de comunicación radiofónica que se desenvolverá a partir de setembro en Radio Ordes, no marco do cal gravarán un programa que será emitido para toda a poboación que a sintonice. Durante o acto, ademais, foron agasallados tamén con cadanseu diploma e lote de libros achegados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Por outra banda, as cuñas elaboradas polos adolescentes que mereceron os primeiros premios de cada categoría entrarán na fase autonómica do concurso, onde competirán coas gañadoras no resto das entidades locais onde se desenvolveu.

O galego na onda

‘O galego na onda’ é un concurso da RDL que se celebrou en maio en 14 das máis de 150 entidades que compoñen este organismo creado pola Xunta de Galicia para promover o galego en colaboración coas administracións locais.

Durante o Mes das Letras, os rapaces e rapazas da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e mais dos concellos de Ames, Corcubión, Fene, Melide, Santa Comba, Burela, Palas de Rei, Quiroga, O Carballiño, Cambados, A Estrada, Lalín, Mos e Tui foron convidados a presentar ao premio as súas cuñas publicitarias a prol do galego.

Planificación da RDL

‘O galego na onda’ é unha das 12 accións, inspiradas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que integran a planificación da Rede de Dinamización Lingüística para o 2014. Esta planificación elabóraa anualmente un grupo de técnicos da Rede e apróbaa despois o seu Consello de Membros. A Secretaría Xeral de Política Lingüística complétaa cos programas FalaRedes e Os Axóuxeres, tamén dirixidos, dende o ano 2011, a entidades pertencentes á RDL.

20 de xuño de 2014 | 14:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.