Os galegos non alcanzan o podio no Campionato de Europa júnior e sub-23 en Manes
Os padexeiros galegos non puideron alcanzar o podio na última xornada do Campionato de Europa júnior e sub-23 que se disputou en Manes en Yvelines (Francia). O quinto posto de Roi Rodríguez, en K-1 500 metros, e o mesmo lugar de Camila Aldana Morrison e Raquel Dacosta en K-2 500, foron os mellores resultados. Os tres padexeiros foron medallistas noutras distancias. Galicia estivo presente en seis finais o último día da competición con sete padexeiros.
Roi Rodríguez quedou a un segundo do gañador e ocupou a quinta posición final, a tres centésimas do terceiro posto. O padexeiro de Tomiño, que gañara a medalla de ouro en K-1 1.000 metros, demostrou a súa calidade nunha regata intensa e emocionante. Os cinco primeiros chegaron cunha escasa marxe á liña de chegada.
Tamén na categoría sub-23, Adrián Sieiro participou en dúas finais. En C-1 200 metros, unha das que pechaba o calendario foi sétimo, mentres en C-1 500 metros terminou en oitava posición. Pola súa banda, Cristina Noya, que tivo como compañeira a Araceli Figueras no C-2 500 metros, foron sextas na final.
Camila Aldana Morrison e Raquel Dacosta, que lograran a medalla de ouro en K-2 1.000 metros, non puideron repetir a xesta na distancia de 500 metros. Foron quintas no final pero completaron un magnífico campionato. Sergio Vallejo e Alex Bernárdez foron oitavos en C-2 500 metros.
A todos eles débese unir Jacobo Gómez, que formou parte do equipo español do K-4 500 e tamén participou en K-1 500.











