Os estudantes do CEIP Carballal venden os seus produtos no mercado de Marín
O Mercado de Banda do Río, en Marín acolle mañá, xoves, un evento moi especial, xa que nel se poderán comprar artigos exclusivos, realizados a partir de material de refugallo e que teñen a vantaxe engadida de que boa parte dos beneficios irán destinados a unha ONG.
Trátase do mercado de produtos das cooperativas escolares Cooperatambo e Carballal Tenda Comercial, integradas por alumnos e alumnas do CEIP do Carballan, en Marín, constituídas no marco do programa “EME Cooperanova–Emprender na miña escola”, que promove a Deputación de Pontevedra coa colaboración da Consellería de Educación.
Este programa pretende desenvolver hábitos e comportamentos emprendedores entre o alumnado, facilitando a súa integración social de xeito mais eficaz e satisfactoria á vez que se favorece o desenvolvemento de competencia básicas como son a competencia en comunicación lingüística; matemática; no coñecemento e interacción co mundo físico; no tratamento da información; na relación e comportamento social e cidadá; cultural e artística, así como aprender a aprender e mellorar a autonomía e iniciativa persoal.
Constitución da cooperativa
Os alumnos do CEIP do Carballal que están a participar neste programa conseguiron constituír dúas cooperativas (co seu correspondente rexistro) e completaron un proceso que vai desde a elección democrática os postos da xunta directiva ata a venta dos produtos que realizarán mañá.
Previamente, procederon á organización dos distintos departamentos (mercadotecnia, calidade do produto, imaxe da cooperativa, relacións públicas… etc), á elaboración dos estatutos das cooperativas; e a todo o proceso de fabricación de produtos, etiquetado e envasado, establecemento de prezos, organización e deseño do punto de venda, preparación do mercado e solicitude do permiso de venda.
Para culminar con éxito este intenso traballo, no que os nenos e nenas participantes tiveron ocasión de aprender o funcionamento interno e todos os trámites necesarios para a posta en marcha dunha cooperativa, terá lugar mañá a antedita venta dos produtos, que se realizará de 10, 30 a 13,30 horas no mercado de Banda do Río, en Marín, e ao que está previsto que asista a deputada provincial e alcaldesa de Marín, María Ramallo, en torno ás 13,00 horas.











