Os consumidores de Palas de Rei descobren as claves para facer máis comprensible o recibo eléctrico
O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá xoves, 19 de xuño, unha xornada informativa en Palas de Rei (Lugo) para achegar aos consumidores e usuarios o programa Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis compresible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.
No encontro, que se celebrará a partir das 17:00 horas en colaboración coa Asociación de Amas de casa San Tirso na Casa da Cultura, situada na praza da Ulloa, informarase sobre os cambios que se van producir, como a inclusión da modalidade do Prezo Voluntario do Pequeno Consumidor (PVPC) ou a nova TUR, e ofreceranse diferentes consellos para reducir o consumo e aforrar. Estes consellos achéganse aos consumidores a través do documento informativo “As claves da túa factura eléctrica”, dispoñible na web do Instituto Galego de Consumo, igc.xunta.es.
Os asistentes á xornada de mañá poderán consultar as súas dúbidas e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución ás súas reclamacións.











