Os concellos de Ourense reciben información para contratar a 600 perceptores da Renda de Inclusión Social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Unha nova orde de axudas da Consellería de Traballo e Benestar permitirá a concellos e agrupacións locais a contratación duns 600 perceptores da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA). A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, mantiveron hoxe en Ourense unha xuntanza cos alcaldes e representantes municipais para explicarlles esta iniciativa pioneira en Galicia.

Os beneficiarios optarán a un contrato temporal, que durará entre 7 e 9 meses, e que será a tempo parcial, sempre por riba do 50 por cento da xornada laboral, e cunhas retribucións de acordo aos convenios colectivos correspondentes.“O obxectivo que perseguimos é moi claro: ofrecer a resposta que precisa as persoas en risco de exclusión e conseguir que a súa situación non se cronifique”, destacou González.

Esta aposta por vincular inclusión e emprego é tamén a “finalidade principal” da nova Lei de Inclusión Social de Galicia, que se aprobou no Parlamento autonómico a finais de 2013.

Requisitos

Estas axudas estarán dotadas cun total de 3 millóns de euros, o que permitirá financiar o 100 por cento dos custos salariais destas contratacións, e poderán ser solicitadas por concellos e agrupacións locais. Os beneficiarios terán que cumprir os seguintes requisitos: ser perceptor da RISGA, ter unha antigüidade mínima de seis meses, e estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia. Ademais, van ter preferencia os perceptores da RISGA que se teñan comprometido cun proxecto de inserción sociolaboral.

Xa no que se refire á distribución territorial, a directora xeral sinalou que se seguirán fundamentalmente dous criterios. O primeiro, e o “principal”, é o número de perceptores de RISGA que haxa en cada localidade. En función deste aspecto, os concellos poderán optar a entre 1 e 40 contratacións como máximo.

O segundo criterio será a necesidade dun equilibrio territorial e a solidariedade cos territorios máis desfavorecidos. Ademais, González apuntou a outro factor a salientar, que é que todas as contratacións van estar dirixidas á realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social.

“A posta en marcha desta nova iniciativa a prol da inclusión social volve demostrar, unha vez máis, que esta é un obxectivo prioritario para este Goberno”, destacou a responsable de Familia e Inclusión, quen indicou que esta é tamén unha das principais liñas de actuación fixadas pola Unión Europea na Estratexia 2020.

Ao respecto, lembrou que actualmente está en marcha a Plataforma europea contra a pobreza e a exclusión social, que plantexa rescatar a 20 millóns de europeos da pobreza e a exclusión social. Para conseguilo, a Comisión Europea está a estudar unha proposta para que o 20 por cento do Fondo Social Europeo estea dedicado á inclusión.

Polo tanto, tanto a estratexia europea como a galega, comparten unha “base común: a aposta pola inclusión activa”. Isto demóstrase tanto na Lei de Inclusión Social, como no incremento do orzamento das partidas destinadas a esta materia. En concreto, o financiamento dirixido á inclusión en 2014 conta con 59,2 millóns de euros, un 13,6 por cento máis que o ano pasado. Deste, só para a RISGA están orzamentados 42,4 millóns de euros, un 30 por cento máis que o orzamento inicial de 2013.

4 de xuño de 2014 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.