Os concelleiros composteláns afirman que se van por imperativo legal
Os sete edís de Santiago condenados a nove anos de inhabilitación especial para cargo público por un delito de prevaricación afirmaron que a súa renuncia ao cargo se produce por imperativo legal, e despedíronse este martes do Concello con agradecementos aos funcionarios pero sen palabras de gratitude explícitas ao alcalde, Ángel Currás, ao que tampouco quixeron dar o seu respaldo nesta nova tarefa alegando que xa non son un cargo público.
Ante a prensa compareceron cinco dos sete condenados -todos menos María Castelao e Luis Bello, que acudiu ao Pazo de Raxoi na mañá deste martes e eludiu falar coa prensa- e exerceu de voceiro a que o era ata agora tamén do goberno local, María Pardo, quen confirmou que xa presentaron a súa dimisión e quen apelou de novo a que senten “inocentes”. De feito, expresou a “impepinable desconformidade” coa sentenza, para a que anunciaron un recurso ante a Audiencia Provincial de forma inmediata.
“Permitide que nos vaiamos e defendamos a nosa honra, dignidade e inocencia”, subliñou María Pardo, quen na súa lectura do comunicado conxunto si mencionou explicitamente o presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, e o PPdeG polo seu “apoio” e por manter que son inocentes “mesmo despois da sentenza coñecida onte (por este luns)”.











