Os comerciantes de Burela presentan a terceira edición da ‘Festa Castrexa’

Presentación da Festa Castrexa de Burela
A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Burela presentou este mediodía a terceira edición da FESTA CASTREXA de Burela nun acto que se celebrou na zona do cabo Burela onde en tempos pasados situouse un asentamento castrexo.
Neste acto, encabezado polo presidente de ACIA Burela, Pedro Fraga, e o Alcalde de Burela, José González Barcia, tamén asistiron os principais patrocinadores do evento e adiantáronse algunhas das novidades e actividades desta nova edición.
As principais novidades que presenta a festa este ano son a ampliación dun a tres días de festa, entre o 4 e o 6 de xullo, a celebración na noite do venres dun desfile nocturno de clans e dunha multitudinaria cerimonia de vodas castrexas, así como a potenciación do mercado castrexo, situado en diferentes prazas de Burela.
O resto de actividades manterá a liña dos anos anteriores, co protagonismo da gastronomía con menús e tapas castrexas nos locais de hostalaría, xogos infantís, premios á mellor caracterización de clans e locais, sorteo de 1000 euros en vales de compra e os xa coñecidos xogos que reúnen en cada edición por centos de participantes: a Guerra de Clans (premio 500€ en metálico e o peso do Xefe de Clan en cervexa) e a Procura do Torques de Ouro (premio 1000€).
A 3ª FESTA CASTREXA celebrarase en Burela entre o 4 e o 6 de xullo, durante os que as rúas e prazas de Burela revivirán o seu pasado castrexo. O prazo de inscrición para participar nas actividades péchase o 25 de xuño. ACIA Burela ofrece máis información na tenda de Decoracións Pura de Burela e a través da páxina en facebook da Festa Castrexa www.facebook.com/FestaCastrexaBurela.











